Tras os pasos de Leo Caldas

Ollos de auga, foto a foto

Daniel González non é galego. Tampouco é un nativo galego falante. Aínda que é a persoa que está detrás dunha das iniciativas máis bonitas relacionadas coa literatura galega.

“A lingua galega é unha das cousas boas de Galiza, nun podio compartido coa empanada de zamburiñas e o queixo, que coñecín graciñas á miña muller, que si é galega”, explícanos a través do correo electrónico. A súa muller estudou catalán en Barcelona. E el, catalán, estudou galego na Universidade de Barcelona. Para practicar o seu galego publica un blog, A lei de Lem, (“é un entretemento, un anecdotario das miñas lecturas”, confésanos), no que está a publicar unha iniciativa sorprendente.

Gonzalez leu a Domingo Villar e as súas novelas, o fenómeno literario dos últimos anos en galego, gustáronlle. Pouco a pouco, e post a post, está a publicar en imaxes os diferentes percorridos que fai Leo Caldas, o protagonista, por Vigo e arredores.

Punta Lameda, nunha das fotos do blog de Daniel Gonzalez

-Por que decidiches seguir os pasos de Leo Caldas en imaxes? E por que Leo Caldas especificamente e non calquera outro personaxe da literatura galega?

Para poñer algo no blog. Xa tiña unhas poucas fotos de visitas anteriores, mais Leo Caldas amosoume novos lugares que non coñecía e fixo que puidera visitar outros cunha nova ollada. No blog tamén aparecen un par de fotos relacionadas co libro “Cardume”, de Rexina Vega, unha lectura que fixemos no Club de lectura do Centro Galego de Barcelona. As fotos son maioritariamente das novelas de Domingo Villar porque estas son moi urbanas, cun vencello importante ao lugar e a súa xente. O amor que amosa o autor pola cidade fai máis doado gozar aínda máis de Vigo e os seus arredores. Non descarto facer fotos a partir da moita narrativa galega que aínda teño por ler.

-Cando tomaches as imaxes? Foi unha viaxe destinada só a seguir os pasos de Leo Caldas?

Fixen as fotos nas miñas viaxes a Vigo e estas foron sempre en vacacións ou algunha outra escapada. Despois de rematar a lectura e marcar os lugares que aparecían, facía unha busca no meu “arquivo”. Mais se vía que podía engadir algún lugar novo, entón si que facía un paseo de cacería fotográfica específica.

-Vas a facelo coas próximas aventuras de Leo Caldas?

Por suposto! Gústame, divírteme e amosame máis Vigo, máis Galiza…. De feito, coma lin no Xornal que algo do vindeiro caso de Leo Caldas sucede en Tirán, fixen un paseo estas pasadas vacacións de Semana Santa. Xa veremos se os lugares que visitei aparecen na novela … ou non.

Cales son as reaccións dos lectores da obra? Chegou moita xente ao teu blog buscado as pegadas de Leo Caldas?

As fotografías tanto de “Ollos de auga” coma de “A praia dos afogados” son con diferencia as entradas máis visitadas do blog. Un gozo para min, porque moitas destas visitas son de Galiza. Uns poucos blogueiros leran a novela e viron as fotos. Lémbrome agora de “A tartaruga máxica”, “Lecturas errantes”, “O club de lectura do Segrel”,…. (pido desculpas se esquezo a alguén).

-E… Sabes se alguén en Galaxia (a editorial detrás das aventuras de Leo Caldas) ou o propio Domingo Villar sabe que fixeches este percorrido?

Si, si! O blog da Editorial Galaxia engadiu unha ligazón ás primeiras fotos de “A praia dos afogados”, cousa que souben grazas a un comentario de Francisco Castro. O mesmísimo Domingo Villar deixou un comentario. Visitou Barcelona nunha ocasión, nun certame de novela negra (o BCNegra). Eu leveille o meu exemplar para que mo asinara e convideille a visitar o blog. A sorpresa foi … que xa as coñecía, que xa visitara o blog! Eu, encantado, por suposto.

*Podedes ver as fotos de Ollos de auga e de A praia dos afogados

Fotos | Daniel González


Shares

1 comentario

  • BEGOÑA di:

    Un paseo muy agradable, a través de las fotos, por las novelas de Domingo Villar, que invitan a conocer esos lugares tan bien descritos en sus relatos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *