Quizais nestes momentos un alemán estea abrindo un libro de Rosalía de Castro. Quizais mentres les isto un polaco comece a redacción dun mail cun ‘Ola’. Quizais, agora mesmo, unha finlandesa pronuncie ‘saudade’. Xa sexa por amor polas linguas, por circunstancias persoais ou por ganas de coñecer outras culturas, o galego esperta interese máis alá das nosas fronteiras e é lido, escrito e falado por persoas de todo o mundo.
A lingua galega é obxecto de estudo en máis de 40 universidades en países como Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Uruguai. A maior parte delas contan con lectores que imparten o idioma e organizan actividades culturais. O pasado ano, 1.843 alumnos matriculáronse nas materias de lingua e cultura galegas ofertadas nas universidades destes países.
A través do Instituto Cervantes e as Casas de Galicia e centros galegos ofértanse tamén cursos, aos que o ano pasado asistiron uns 500 alumnos. En Galicia, cada ano as universidades ofertan cursos de verán para estranxeiros. Na Universidade de Santiago de Compostela o pasado mes de xullo achegáronse á nosa lingua 85 estudantes de Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón. Desde a posta en marcha destes cursos -xa van pola súa vixésimo terceira edición- participaron máis de 2.200 alumnos e alumnas.
A experiencia de Masashi
Hoxe, Masashi Oki asistirá no Xapón a un evento do Día das Letras Galegas. En 2005 viaxou a Santiago para estudar na USC o nacionalismo galego. Tanto lle gustou Galicia que en 2007 volveu para cursar un Máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONG, e tamén realizou prácticas no Instituto galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Agora vive e traballa nunha empresa en Tokio, onde lamenta “non ter oportunidade de usar o galego nin o castelán” e desde onde mantén o blog trilingüe “Imos a Galicia! / Imos a Xapón!” no que contribúe a introducir a cultura xaponesa aos galegos e a cultura galega aos xaponeses. Tamén podes seguilo na súa conta de Twitter @galiciaxapon.
No seu blog atoparás paisaxes galegas, tapas de crocodilo, polbo á feira, percebes que para Masashi asemellan “mans de tartarugas” e leccións de lingua galega. Tamén comidas típicas xaponesas e estampas de Tokio, como a rúa que Masashi decidiu bautizar como “Galicia” por situarse nela Zara e Adolfo Domínguez.
En “Imos a Galicia! / Imos a Xapón!” aparece a típica imaxe da zona vella compostelá mollada pola chuvia. “Saquei esta foto en 2005, cando fun a Santiago por primeira vez”, explica Masashi. “Camiñaba polo casco vello levando unha cámara réflex. Sorprendeume a diferencia cultural entre o meu país e Galicia. A verdade é que tiña unha sensación amarga, porque non entendía nin castelán nin galego. Naquel entón, o que me aliviou a ferida do corazón foi o ceo nubrado e a choiva en Santiago, como nesta foto”.
Nun primeiro momento, foi precisamente a dificultade para ler os avisos da universidade e da residencia -que estaban en galego, aínda que naquel entón tampouco entendía moi ben o castelán- a que o levou a aprender a lingua. “Para sobrevivir, foi necesario”, apunta. Pero na súa segunda estancia en 2007 as prioridades mudaron, e a súa aprendizaxe do galego ía máis alá da supervivencia: a través do coñecemento da lingua quería coñecer aos galegofalantes, achegarse a eles e á súa cultura.
Os seus amigos de clase e residencia foron de grande axuda. Tamén participou nas clases de galego que a USC imparte para estranxeiros. O seu blog, e sobre todo o contacto cos seus lectores tiveron así mesmo moito que ver. Agora, aínda que se atopa no Xapón, continúa estudando “co dicionario galego-castelán para twittear e escribir artigos nos xornais”.
Debido á falta de similitude entre galego e xaponés, para Masashi “resulta complicado aprender desde cero”. A pesares disto aprendeu, moito, e hoxe non dubida ao afirmar que as súas palabras e expresións favoritas son “Máis ou menos”, “Daquela maneira”, “Nunca Máis” e “Saudade”.
Este namorado de Galicia tamén participou no libro “Os 50 capítulos para coñecer Galicia”, publicado no Xapón, para o cal escribiu sobre a Historia e a Política de Galicia. “Lin moitos libros sobre este tema, que merquei cando estiven en Galicia”, comenta. A cultura galega, segundo Masashi, está a ser “cada vez máis famosa” no seu país, grazas sobre todo ao Camiño de Santiago.
Precisamente cando estaba informando a través de Twitter aos seus seguidores sobre a publicación deste libro produciuse o terremoto que tantos danos ocasionou no Xapón. “Estaba só na habitación. Despois do terremoto saín fóra por se ocorría a réplica grande. Agora, a situación está mellorando en Tokio, pero aínda temos que economizar electricidade. Por exemplo, traballamos a media luz”, explica o xaponés.
Como Masashi, son moitos os estranxeiros que quizais hoxe celebren o Día das Letras Galegas, e que quizais, sobre a súa mesa, ao igual que o xaponés, teñan un libro de ‘Cantares Galegos’.
* Se queres saber que cousas son cool para Masashi Oki, podes ver a súa disqueficha.
Fotografía | Masashi
1 comentario