[Disquefesta] Razón 8: Escribe a túa propia tweet-obra

Unha das cousas que nos fai máis felices é ler. Ler un bo libro, xa sexa na praia, nun día deses de outono no que todo invita a quedarse na casa (lendo) ou no autobús de camiño ao traballo. E, claro está, non iamos deixar unha actividade que nos gusta tanto de lado na Disquefesta. Podíamos facer unha quedada de lectura ou unha lectura encadeada, pero pensamos que mellor imos ler o que vós escribides. Vós lédesnos a nós todos os días: agora chega a hora de sexades vós quen escribades unha obra. 

O reto literario da Disquefesta vai ser ben sinxelo: haberá un bol cheo de propostas literarias, pequenos papeis como os que saen das galletas da fortuna das películas americanas que serán o primeiro paso para que arranquedes a vosa obra. Cada papel terá un personaxe, unha situación, un obxecto ou algún elemento inspirador: ese será o punto de partida para a vosa obra literaria. Encantaríanos que o noso reto fose o pistoletazo de saída para a gran novela galega contemporánea pero asumimos que, aínda que comezará ás catro da tarde e acabará pola noite, nos vos dará tempo na Disquefesta para acabala. Por iso, a extensión da vosa obra estará limitada a un tweet. Publicade un primeiro tweet co contido do papel que o azar vos dou (para que saibamos que vos inspirou) e logo a vosa tweet-obra. Empregade sempre o hashtag #disqueobra para que podamos tervos localizados.

Participar na nosa obra literaria comunitaria terá, por suposto, premio. Por unha banda, pasará a historia inmortal da literatura galega, xa que recompilaremos todos os tweets literarios publicados durante a xornada nun pdf que vos poderedes descargar desde a nosa web e ler nos vosos ereaders. Por outra, poderedes levarvos emocionantes premios. Entre os participantes na #disqueobra sortearemos ao final da Disquefesta dous lotes de libros con algúns dos títulos recentes máis interesantes das nosas editoriais colaboradoras (Kalandra, Rinoceronte, Xerais e Punto G) e un lote co libro máis cool da historia da literatura galega, o ‘De catro a catro’ de Manuel Antonio, e un agasallo hipster que contaría coa aprobación do rei das vangardas galego.

Foto |  jorgemejia

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará