Hai xa uns cantos anos, Donovan Hohn era profesor nunha escola privada de Nova York. Como facía habitualmente mandoulles aos seus alumnos que escribisen unha historia sobre un obxecto da vida cotiá, algunha desas cousas irrelevantes para que descubrisen que ao final todo ten unha historia. Un dos seus alumnos decidiu falar de patos amarelos de goma, xa que el mesmo tiña un pato amarelo de goma como amuleto. Estes patos amarelos dos que falaba o seu traballo eran especiais: eran superviventes. Caeran ao inmenso océano Pacífico nunha tormenta, cando o cargueiro que os levaba dende China ata algún outro país sufriu o embiste dunha tormenta épica. Naquel momento, os patiños ían comezar a chegar a terra, como eficientes mariñeiros.
A historia atrapou a Hohn, que ademais de profesor era xornalista freelance. Chegaran xa os patiños a terra? De onde viñan? E onde estaban? A idea duns encantadores patiños viaxeiros era tan incrible, tan atractiva, que Donovan Hohn, para pesar da súa muller a piques de saír de contas do seu primeiro fillo, se lanzou á aventura e decidiu percorrer o mundo perseguindo os patiños. Foi a Alaska (moitas veces, unha delas nun ferry destartalado reliquia doutro tempo fascinante), percorreu as fábricas chinas e viaxou nun cargueiro polo Pacífico, todo para determinar que pasara cos patiños. De paso aprendeu moitas cousas sobre as correntes mariñas e sobre como os desperdicios de todo o mundo se van acumulando nese en realidade non infinito océano.
O froito de todas estas viaxes é ‘Moby-Duck’, un ensaio bastante entretido no que Hohn conta a súa odisea na procura dos patiños perdidos. Os patiños non eran, en realidade, os únicos que andaban a percorrer os mares. Un conto infantil, que apareceu pouco despois de que se soubese da caída ao océano do cargamento, popularizou e folklorizou a idea dos patos amarelos navegando sen rumbo, pero en realidade o que o cargueiro perdeu foron 28.800 bonecos de goma, dos que os nenos teñen no baño. Tamén había tartarugas azuis, castores vermellos e ras verdes. Aínda así, os patiños son os coñecidos e os grandes obxectos de desexo dos cazadores de tesouros do mar, os beachcombers, os herdeiros de aqueles que ían recoller o que os grandes naufraxios lanzaban ao mar aínda que agora o fan cun fin máis lúdico. Estes buscadores de tesouros percorren a praia recollendo as fascinantes cousas que a marea arrastra. Dar cun deses patiños e atopar un dos premios gordos.
Hohn coñeceu a estes buscadores, pero tamén a especialistas en lixo. Sobre todo a especialistas en lixo. Cando comezou a aventura, o xornalista sabía máis ben pouco – un pouco como todos – sobre esa fascinante e aterradora acumulación de lixo no océano que se chama a gran mancha de lixo do Pacífico. Aínda que xa inspira incluso arte, a gran mancha de lixo é un produto do mundo contemporáneo (a goma, o plástico, son de hai nada!) e dos excesos de consumo, así que da pouca importancia que se lle da a sosteñibilidade. Hohn, que empeza unha historia sobre o conto de fadas duns patiños navegantes, acaba así por dar contra un dos problemas medioambientais máis serios e descoñecidos. Como os patiños, o lixo navega libre. Como os patiños, o lixo chega á beira do mar. O escritor tamén encontra na súa procura pola historia dos xoguetes de goma mariñeiros con aqueles que limpan as praias de Alaska, o lugar no que acaba gran parte do lixo que navega polo Pacífico por mor das correntes mariñas.
O libro (editado en castelán por Aguilar) é unha sorprendente historia sobre tráfico de mercadorías (si, segue os pasos dos patiños nun buque mercante… porque hai compañías que che permiten navegar neles como turista!), produción industrial moderna (entra na fábrica en China na que se fixeron os xoguetes), correntes mariñas e destrución da natureza. E todo co plus duns simpáticos patiños de goma que andan a dar a volta ao mundo.
Fotos | Alan Cleaver
jjeje, femosa estahistoria que xa coñecía, nas costas galegas sabemosben desas historias!
Os crebeiros!
https://www.facebook.com/pages/Crebas/191973264258834
ola! Grazas polo link! Non sabía o nome exacto en galego (unha que non é de costa… ;( ). O proxecto está moi interesante, por certo