Esta é a historia dunha libraría que non vende libros e na que non hai libreiros, na que os clientes poden coller o que queiran dos estantes e marchar con el e na que ademais podes aproveitar para falar do que estás a levar mentres tomas un café. Chámase Libros Libres e está en Madrid, aínda que o seu punto de inspiración é unha iniciativa moi semellante que se está a desenvolver en Baltimore, EUA, e que está tendo moito éxito.
A madrileña acaba de ser protagonista dunha semana de reinado mediático (con aparicións en practicamente todos os grandes diarios, na televisión, na radio e nunha chea de medios electrónicos) así que estes días está a ser un auténtico bombazo. Este pasado venres pola tarde, por exemplo, os visitantes amontoábanse no reducido espazo da libraría, case sen deixar espazo para revolver nos estantes de madeira e buscar entre os títulos, que chegan dende o chan ata o teito, o libro desexado. Segundo nos explicaba logo, xa na rúa, un dos seus fundadores, Alejandro de León, pasaron duns 30 a 300 visitantes dende que comezou a atención dos medios de comunicación.
Detrás da libraría está unha ONG, o Grupo 2013, que xa tiña varios proxectos de colaboración en varios países do mundo, entre os que se atopaban os de dotar de contidos a varias bibliotecas infantís. Pronto se decataron de que moitos dos libros que lles chegaban para estas bibliotecas non ían a poder mandalos, porque non se axustaban ao tipo de público a quen ían dirixidos. Nunha cea, alguén lles falou dunha libraría gratuíta de Baltimore e aí prendeu a chispa da inspiración. Libros Libres abriu as súas portas o pasado 14 de setembro e dende entón vailles “moi ben”. Para financiarse e soster os gastos mínimos do proxecto precisan conseguir 365 socios que paguen 12 euros ao ano, un obxectivo nada complicado ao ritmo que levan. O venres, de León confirmábanos que a captación de socios vai “moi ben” e que xa tiñan 270.
“Estamos super contentos”, explicaba, porque ademais a libraría dos libros gratis rachou con moitas das ideas preconcibidas que podían existir sobre lanzar unha iniciativa destas características en España. A xente está cooperando, ninguén leva “1.000 libros” e todos os que visitan Libros Libres están dando unha lección. “Somos máis cívicos do que a xente pensa”, dinos Alejandro de León. Incluso invita á xente a que “non se reprima e non lle dea vergoña” levar cousas: “Cantos máis libros se leva a xente, máis van a ler e máis van a falar disto”.
Os libros chegan desde editoriais, particulares, autores, doazóns privadas e incluso dende librarías das de toda a vida que colaboran co proxecto. Menos enciclopedias, libros de texto e libros rotos, Libros Libres acepta calquera tipo de texto: dende o último bestseller ata o máis tradicional clásico. “Non se trata de doar un libro antes de tiralo ao lixo”, apunta, recomendando que sexa “un libro que lerías ou que xa liches”. Ademais de con libros, tamén se pode colaborar aportando outros elementos como o café e as tortas que sempre están agardando aos lectores ou converténdose directamente en voluntarios.
A recepción está sendo estupenda, como demostran as moitas persoas que o venres pola tarde estaban de visita na libraría. Dende que apareceu o primeiro artigo sobre Libros Libres (unha aparición no blog de viaxes de El País) recibiron 755 correos electrónicos de xente interesada na idea, incluso chegaron correos de toda España preguntando como poder montar unha iniciativa semellante.
Libros Libres está en Covarrubias, 7, baixo, en Madrid
1 comentario