5 cómics autobiográficos sobre o mundo

PersépolisDesde primeiros amores ata violencia familiar, desde desgana existencial ata dificultades reais para sobrevivir, doces ou amargas, todas as historias autobiográficas contan algo sobre o mundo (ou cando menos, sobre algún  dos seus habitantes).

Pero hai cómics autobiográficos, que ademais, explican, querendo ou sen querelo, aspectos máis complexos, mesmo políticos e históricos, do mundo. Trátase dunha tendencia que comezou posiblemente co archicoñecido ‘Maus’ onde Art Spielgel entrevistaba ao seu propio pai sobre os horrores dos campos de concentración nazis. Hoxe, atopou a súa máxima expresión nos cómics de Marjane Satrapi sobre o réxime fundamentalista iraniá.

Un bo cómic autobiográfico sobre o mundo achéganos a esa realidade complexa (sexa unha guerra, unha posguerra, un sistema político…) desde o punto de vista humano, limitado e parcial, pero tamén honesto, emocional e concreto se o comparamos co abstractismo das explicacións históricas. Sen dúbida, non se pode estudiar o mundo a través dos cómics, pero hai historias que resultan o complemento perfecto. Por exemplo, estes cinco cómics:

1. ‘Persépolis’ – Marjane Satrapi

É o maior referente actual de cómic autobiográfico-histórico. ‘Persépolis’ cóntanos a historia do Irán dos aiatolás a través dos ollos inxenuos dunha nena de familia progresista: a propia Satrapi. Os debuxos, sinxelos e cun estilo naif, acompañados dun tono lixeiro e amable, narran historias duras e que encerran aínda máis horror do que mostran (do que a nena pode entender).

2. ‘O xogo das golondrinas’ – Zeina Abirached

Este cómic é unha clara copia do anterior, pero non por iso deixa de resultar interesante. Neste caso,  contásenos a guerra do Líbano a través duns debuxos  tamén sinxelos, pero un pouco máis coidados e con recursos narrativos moi traballados, que axudan a transmitir plásticamente como se pode sentir unha familia normal no medio dunha guerra.

3. ‘Marzi’ – Marzena Sowa e Sylvain Savoia

marziMarzi é unha nena polaca acostumada a longas colas, carnés de racionamento, control policial e anhelos de Occidente. A inxenuidade da infancia, ao igual que nos casos anteriores, transmítenos á realidade (neste caso dos últimos anos do réxime comunista) dunha maneira amable, alonxada do tremedismo, pero quizáis por iso moi eficaz.

4. ‘Paracuellos’ – Carlos Gimenez

Tamén podemos atopar cómics autobiográficos que conten a nosa propia historia, como este dos anos 70, no que Carlos Gímenez recorda a súa infancia nun hogar de auxilio social ( a onde ían parar os nenos que quedaron sen ninguén que os coidase tras a guerra civil). Pequenas anécdotas de patio de colexio (chungo, iso si) que desbordan rabia e vitalidade.

5.’Vietnámerica’ – GB Tran

Neste caso trátase máis de biografía que de autobiografía, pois GB Tran naceu xa en Estados Unido e o que relata é a historia da súa familia e de como tiveron que exiliarse  en Estados Unidos ao fin da guerra do Vietnam. O autor, saltando do presente ao pasado, alterna datos históricos explicativos con detalles persoais, nun libro denso pero moi interesante.

 

Shares

    2 comentarios

    • Edu di:

      Añadiría calquera dos de Guy Delisle sobre viaxes e vivencias (Shenzhen, Pyonyang, Crónicas Birmanas, Crónicas de Jerusalén). Carlos Giménez e un xenio, tanto en Paracuellos coma en Barrio o Los profesionales. Outros que se me ocurren: Pedro y yo de Judd Winnick o Mi vida mal dibujada de Gipi.

    • Cris di:

      Si, o de Guy Delisle penseino, pero aínda que el insista en que non, na miña cabeza está xa máis preto do xornalístico, tipo Joe Sacco (que os seus cómics si son basiquísimos para entender o mundo). Ao de Gipi botareille un ollo, que non o lin!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *