A novela francesa da que todo o mundo falará en seis meses

Esta podería ser unha historia do American dream pero, aínda que o Novo Hampshire é o escenario dunha parte dela, chega de Francia  e da súa moi snob escena literaria. Esta é, en realidade, a historia dun escritor que escribe sobre outro escritor que investiga a un terceiro nunha segunda novela da súa carreira que se vai converter na chave ao seu éxito mundial. Non vos enganamos cando vos dicimos que dentro de seis meses todo o mundo vos falará desde libro: aparecerá en Babelia, sairá nas páxinas de cultura dos xornais serios e apostamos que moitos quererán metervos polos ollos a historia deste mozo que se está a converter no fenómeno literario do outono en Francia. O seu nome é Joël Dicker e a súa novela ‘La verité sur l’affaire Harry Quebert’ acaba de darlle o prestixioso premio da Academia Francesa.

Marcus Goldman ten 30 anos e vive nun loft hiper-chic en Nova York. A súa primeira novela foi un éxito brutal e enorme, que lle reportou incribles ingresos en cuestión de dereitos de autor e lle asegurou aínda máis cun contrato estelar cun editor da cidade. Só tiña que escribir dúas novelas nuns anos, pero a pesar do fabulosa que poda semellar a súa vida non o consegue. Os anos pasaron e o prazo para entregar as súas obras está a piques de vencer, pero el anda atascado na maldita folla en branco que sofren os escritores. Así anda cando acusan ao seu mestre e mentor, o gran escritor estadounidense Harry Quebert, de ter asasinado en 1975 a unha rapaza de 15 anos, Nola Kellergan. O seu cadáver apareceu no seu xardín, abrazado ao manuscrito da súa obra mestra. Quebert confesa que daquela tiña unha relación amorosa con Nola pero asegura que non a matou. Ninguén o cre, menos Goldman. O escritor mozo deixa Nova York e marcha ao Novo Hampshire a intentar descubrir quen matou en realidade a Nola Kellergan e salvar así ao seu mentor.

Por diante quedarán 668 páxinas nas que Goldman terá que enfrontarse a un aspecto que non agardaba atopar do seu mestre, á vida provinciana de Aurora, un pobo do bucólico Novo Hampshire, e a unha chea de preguntas sobre si mesmo e o que fai cando empeza a escribir un libro sobre as súas pescudas. Libro que se converte rapidamente no obxecto de desexo do seu editor e que lle reporta novamente pingües beneficios económicos.

O libro é por tanto unha mestura entre unha historia de misterio (quen matou a Nola Kellergan e é Harry Quebert tan inocente como semella?) e unha historia sobre a literatura e o consumo de masas dos produtos editoriais. Os editores queren facernos crer que é tamén unha historia sobre os medios de comunicación e o sensacionalismo (bah, nada novo baixo o sol) e sobre os Estados Unidos do momento previo ás eleccións de 2008 que gañou Barack Obama.

Ingredientes todos eles para o éxito? A resposta, a tenor das cifras de ventas en Francia, é que si. A novela apareceu en agosto nunha pequena casa editora parisina, coeditada cunha suíza (o autor é suízo de lingua francesa). Pronto conseguiu cifras de ventas nada desdeñables en París e foise convertendo na sorpresa da tempada literaria gala. O libro foi tamén a estrela da narrativa francesa na feira de Frankfurt, na que se compran e se venden os dereitos literarios dos títulos máis importantes do ano. En castelán, foi Anagrama quen se fixo con eles, tras loitar contra oito editoriais españolas. “É o libro do ano na feira”, dicíalle a El País a directora editorial de Alfaguara, Pilar Reyes. Xa entón, Dicker era finalista en varios premios literarios en Francia. O autor acaba de facerse co  premio da Academia e é finalista do Goncourt (e a tenor do que publican os medios do país veciño ten moitas posibilidades de levar o galardón).

Merece todo o ruído que se está a xerar sobre a historia? A novela deixase ler. É unha historia entretida (Dicker quería facer, segundo explica no seu site, “un libro longo, pero que se lese rápido porque non se quere deixar”), sobre todo unha vez que deixas de considerar porque estás a ler unha historia sobre Estados Unidos en francés (si, seino, a lingua e o contido non teñen nada que ver, pero non deixa de ser estraño; o propio autor explica na súa web que tentou levar protagonistas franceses a EUA pero que o resultado era un desastre) e por suposto deixas de pensar en todos os ecos que atopas na obra. Dicker fixo que o seu protagonista, Marcus Goldman, fose de Newark, en homenaxe a Philip Roth. O comezo da historia (un profesor nunha pequena vila da Nova Inglaterra nunha sociedade moxigata) lembra se cadra demasiado a Roth (pode que todo sexa porque eu lira pouco antes ‘A mancha humana’ : Dicker sae perdendo na comparativa). Por outra banda, a historia de amor entre Nola e Harry Quebert (que no 1975 tiña 35 anos) non acaba de ser todo o profunda que un amor como o que se supón movía a Quebert debería ser. A Dicker aínda lle costa meterse por completo na mente dunha adolescente e quitarlle calquera rastro de tópico que poida ter.

* La verité sur l’affaire Harry Quebert foi editado por Éditions de Fallois/L’Âge d’Homme e, mentres non o traducen todos eses editores que mercaron os dereitos en Frankfurt, teredes que lelo en francés

Foto | Jeremy Spierer para a web do autor

Shares

3 comentarios

  • Fabián di:

    Non se parece demasiado á película de Woody Allen “You Will Meet a Tall Dark Stranger” na que o escritor que tivo unha novel de éxito aproveitouse da morte do seu amigo para lle roubar a historia?

  • MEIN GOTT!!!… Dende logo “Disquecool” é unha grande referéncia cultural neste País na que se comentan, anticipan e mesmo auguran as novas modas en todas as artes posibles, coma ben demostra o feito de que só sexa agora e despois de 8 meses!! cando éste libro está a ser recoñecido coma a grande “novidade” literaria da tempada… ( xa sei, xa sei… moita xente agora “descubrirá” a Herr Dicker polo feito de que os do “País” publican a noticia, pero a xente deste País podermos gabarnos de adiantarnos ó corporativismo dese pseudo-cultural suplemento do devantido xornal grazas a “Disquecool” ).

    Noraboa polo o voso grande traballo de referéncia cultural que ben merece ser espallado e ser máis coñecido polo “establishment” deste País..

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *