Bridget Jones volve

Un dos pesadelos que tiña Bridget Jones, unha muller duns trinta anos no Londres de mediados dos 90, era o de quedar soa e abandonada por todos, que todos esquecesen que existía e que ao final unha manada de cans a devorase no seu apartamento (apartamento bastante chulo para ser unha traballadora precaria que vive sen compañeiras de piso que paguen a súa parte do aluguer). Sen embargo, é moi complicado que os cans salvaxes a devoren no seu apartamento. Para comezar, porque Bridget Jones non é realmente de verdade (e polo tanto pouco poderán comer os pobres cadeliños). E, para rematar, porque Jones xa se converteu nunha desas figuras realmente icónicas e clásicas da literatura.

Todo comezou cunha columna semanal no 1995 sobre unha muller (de 38 anos segundo a Wikipedia!). The Independent quería chegar ás mulleres mozas e urbanas, así que apostou por un contido que as retratase dalgunha maneira. As historia de Bridget Jones (“moi sinxelas de escribir ao principio”, como confesaba a súa autora non hai nada nunha entrevista na BBC) fixéronse moi populares de xeito moi rápido. Jones era unha muller da súa época (e hai unha chea de estudos dende milleiros de ópticas sobre ela: é antifeminista Bridget Jones? Ou non é unha parodia un xeito de enfrontarse a un montón de ideas que aínda non están superadas? Ou non é máis que un divertimento, unha comedia, para gozar e punto?) e o punto de partida para a chick lit, un xénero literario para mulleres que mestura comedia, romance e o mundo contemporáneo e que arrasou ata que a crise o converteu en demasiado banal. A historia xa todos a coñecemos: houbo dous libros e dúas películas que foron un éxito mundial e inmediato.

E despois de última película, alá a mediados da década pasada, o silencio. Nada máis se soubo de Bridget, esa heroína deprimente e tan pouco cool que sen embargo tanto gustaba.  Helen Fielding, a súa autora (e a muller que se inspiraba nas súas propias preocupacións para escribir as columnas), acaba de confirmar que Bridget Jones volve nunha entrevista para a BBC. E volve, iso si, por todo o alto. Vai haber musical (data estimada de posta en escena no 2013… con música de Lily Allen), vai haber terceira película e vai haber novo libro.

Sobre a nova película pouco se sabe, aínda que non vai estar baseada no libro que vai saír nuns meses. Despois do éxito da primeira e da segunda, unha terceira parecía obrigada pero os actores (especialmente a protagonista Renée Zellweger, que tiña que engordar para o papel) mostrábanse reticentes. Sen embargo, todo apunta a que está ao caer, cun guión baseado nas columnas que Fielding publicou entre  2005 e 2006 no The Independent e que nunca saíron en libro.

Sobre o libro, que xa ten editor en Reino Unido, Fielding deu moitos máis detalles na entrevista da BBC. A protagonista “medrou” e é máis madura agora. E máis que enfrontarse ao terrible espanto da soltería terá que facelo ao complicado mundo das redes sociais. A novela, que Fielding xa comezou a escribir, estará situada no tempo presente, cos problemas actuais e as cousas que existen agora mesmo. As novas preocupacións de Bridget Jones serán saber porque non ten followers en Twitter, sen esquecer os seus intentos por levar unha vida mellor, sen tabaco e alcol. “Aínda está a tentar deixar esas cousas”, di Fielding. Chegará no outono de 2013.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *