Unha residencia para sentarse a escribir

Cando visitas aquelas casas nas que os escritores compoñían as súas obras no pasado, sempre che queda a dúbida de se ter un espazo especial, estar nun lugar como aquel, pode ter sido parte do seu éxito. Ata Jane Austen, que asinaba as súas obras co xenérico A Lady e que escribía nun mundo no que as mulleres non o facían, tiña un lugar especial para escribir, coa súa mesiña con vistas. Agora queda en parte escribir ás presas, facelo nalgunha mesa pouco poética sacada de Ikea e non adicarlle o pouco tempo que deixa unha vida cada vez máis apurada. Sen embargo, aínda quedan espazos nos que se pode escribir con calma, residencias para escritores que, aínda que parezan sacadas do pasado, permiten, agora, deixalo todo durante unha tempada e sentarse a escribir.

“Non cremos, como ti dis, que sexa algo do pasado”, responde por correo electrónico Roberto Abuín, de Axóuxere Editora. “Cremos que a rapidez do tempo actual impide concentrarse, certo, e iso fai que cousas perennes (que sempre estiveron aí e que sempre nos alimentaron: por exemplo a necesidade de acubillamento persoal e recoñecemento das nosas propias potencias internas) se esquezan porque non entran dentro do ‘esquema consumista’ da sociedade contemporánea”. Axóuxere Editora está detrás dunha iniciativa, apoiada polo concello de Rianxo, que dá un espazo a un autor durante un mes para que se poda adicar unicamente a escribir: unha residencia de escritores. Calquera autor (e de calquera xénero) pode participar na iniciativa: terá, se a súa candidatura é a seleccionada, un cuarto agardando por el, na aldea de Brión e a dez minutos da Praia das Cunchas, e tempo para centrarse na súa obra. “Seren eles mesmos, non querer aparentar nada“, apunta Abuín cando lle preguntamos que teñen de especial os autores que participaron xa na iniciativa. “Iso é o que valoramos por encima de todo”.

Pola residencia acaba de pasar Elías Portela, co proxecto de investigación Unha poética do sal, e está agora mesmo Nerea Vilar, co proxecto de narración Sidecar, que son os dous autores seleccionados para a Residencia de Outono. Ademais de traballar nas súas ideas, os dous autores involucráronse na vida cultural de Rianxo. Participar na vida cultural da zona é unha das ideas que dan forma á Residencia e que fan da iniciativa unha proposta especialmente orixinal.

Cando remate a edición de outono, a Residencia comezará unha nova edición. O proceso de selección para a Residencia de Inverno xa está aberto. Ata o próximo 31 de decembro, aqueles autores que teñan unha proposta para pasar 30 días entre febreiro e abril de 2013 na Residencia poderán mandar a súa proposta. Como se pode parar no mundo actual para sentarse a escribir durante un mes? “Parando”, dinos Abuín. “Non hai outra. Se formas parte da Máquina estás fodido. Hai que ter a forza e a valentía de dicir ‘non’. E non seguir as modas, que son a peste. A decisión aí é responsabilidade de cadaquén”.

Foto | Axóuxere Editora 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *