Marcas de nacemento: misterios de familia

Moi poucas cousas foron tan inspiradoras no mundo da literatura como a familia: dende o comezo por todos coñecido de Anna Karenina de Tolstoi ata o último best-seller de aeroporto, todos pasan polas complicadas relacións familiares como elemento clave para a historia. As historias secretas, os descoñecidos agochos de historias e traxedias familiares, as tirantes relacións envelenadas por algo que se nos escapa… Eses son os elementos que fan que as historias familiares acaben enganchando tanto e dean tanto xogo ao novelista. Nancy Huston é unha desas autoras que emprega a unha familia e os seus pecados do pasado, que pesan como chumbo na súa historia e lastran a existencia dos seus membros, para tecer unha demoledora historia, en ‘Marcas de nacemento’. 

Algo terrible aconteceu cando a bisavoa, Erra, era unha nena, alá polos anos 40, e ese feito espantoso marcou para sempre á súa descendencia. Pouco máis se debería engadir a esta frase de maldición case bíblica para explicar de que vai a trama desta obra. Só con poñer en Google o título xa aparecen unha chea de artigos que desvelan o elemento clave, ese feito terrible que aconteceu na infancia, pero case é mellor non buscalo e enfrontarse á obra sen ningún coñecemento previo. Huston non xoga ao misterio: é bastante sinxelo ir atando cabos a medida que se vai lendo, pero a obra vaise apreciar mellor contando con ese misterio como elemento a descubrir.

Huston emprega para narrar a historia a catro nenos, todos eles de seis anos, que forman as catro xeracións desta familia lastrada. Faino ademais á inversa: empezamos coas consecuencias para irse remontando ao principio de todo. Sol comeza no 2004 e é un neno mimado, un tirano da casa, intelixente e espantoso, que vive na dourada California. Sol é o narrador máis desagradable de todos, un neno malcriado e cruel, a quen os pais queren eliminar o lunar que ten no rostro, esa marca de nacemento que teñen os catro narradores e que os une a todos eles como un fío invisible. A operación é o que acaba unindo ás catro xeracións e poñendo o principio (ou o final) a esta historia. Despois de Sol chegan Randall, que conta dende 1982; a triste Sadie, no 1962; e a luminosa e feliz Kristina, no 1944 a 45, o pecado orixinal que explicará todas as obsesións dos que veñen detrás.

A historia acaba de chegar en galego, aínda que foi editada por vez primeira en Francia en 2006, onde conseguiu un éxito notable de ventas e levou, de paso, o premio Femina. A autora, canadense de orixe anglófona, escribe en francés (vive en Francia dende os 20 anos, aínda que traduce ao inglés as súas propias obras) e está casada con Tzvetan Todorov (o punto gossip intelectual). A súa propia vida ten un punto de material de novela: a súa nai abandonouna cando era nena e acabou en Alemaña co seu pai e a segunda esposa – alemá – del. “Se cadra o que lle vou dicir soe a banalidade: unha infancia traumatizada fomenta a vocación literaria“, dicía nunha entrevista en El País hai uns anos, cando lle preguntaban se a desaparición da nai marcara a súa carreira. “Porque crea un misterio”. A nena Nancy só mantiña contacto coa nai por carta.

 Marcas de nacemento é unha das novidades de outono de Rinoceronte, editado na colección Contemporánea

Foto |  torre.elena

Publicidade: Podes mercar este libro en Casa del Libro visitando este enlace

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *