Outlet do libro galego: libros a prezos de crise

II Outlet do libro galego

Botar man dos outlets para conseguir roupa de marca a prezos alcanzables é o pan noso de cada día; tamén coñecemos os outlets de mobles onde podemos mercar mesas ou camas de tempadas anteriores sen deixarnos un ril, sen embargo, poucos temos acudido a un outlet de libros.

A idea, iso si, semella ben boa. No II outlet do libro galego podemos atopar máis de 900 títulos a entre 2 e 3 euros cada un. Trátase de libros que, en moitos casos, quedaron esquecidos polas novidades editoriais, e así podemos recuperar obras que xa non é fácil atopar nos andeis das librerías.

O II outlet do libro galego comezou o pasado sábado e terá lugar no Café Moderno de Pontevedra ata o próximo domingo, 29 de xullo. Está organizado pola Asociación Galega de Editores, que xa organizara un evento similar o pasado mes de marzo en Allariz. A idea é ir levando o outlet polas diferentes cidades galegas, co obxectivo de promocionar e dar visibilidade aos libros galegos, a través de espazos singulares  de venda de libros a prezos de crise.

No outlet hai libros de todos os xéneros, -aínda que destacan especialmente os libros adicados ao público infantil- e de 14 editoriais diferentes. Ademais, podemos mercar láminas con ilustracións de diferentes autores galegos. No espazo, xestionado por dúas librerías da cidade, Paz e Seijas, non só podemos gastar cartos, unha chea de actividades, que abranguen desde contacontos infantís ata concertos de jazz, completan a oferta do II Outlet do libro galego.

E de paso que te achegas ao Café Moderno, podes botar un ollo á exposición de fotos de Fred Stein, un fotógrafo alemán de principios do século XX, especializado en retratos urbanos de cidades coma París ou Nova York.

Shares

    2 comentarios

    • pepe lago di:

      Os días 3, 4 e 5 de agosto hai tamén un outlet do libro galego en Muxía, organizado polos EDITORES DE COMPOSTELA.
      Estes foron os iniciadores destes outlets, alá polo mes de marzo en Área Central de Santiago. Incluso foron eles os que estableceron estes prezos. A AGE só fixo seguir o modelo establecido polos Editores de Santiago.
      É bo que se saiba todo

    • Fotografía de avatar Cris di:

      A verdade é que non o sabía. Moitas gracias pola información!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *