Libros para o verán (IV): Secretos e mentiras de familia

Unha rapaza, Iris, recibe unha carta dun hospital psiquiátrico. Ela é a derradeira familiar directa con vida que pode facerse cargo de Esme Lennox, unha muller que leva toda a vida interna no hospital, dende os anos 30. O hospital no que se atopa vai ser pechado, nunha vaga de recortes na sanidade inglesa, e a familia ten que recuperar a custodia da esquecida tía Esme. A sorpresa de Iris é maiúscula: nunca ninguén lle falara da tía Esme e non sabe a razón pola que nos anos 30 a familia internou (e deixou de falar dela) á entón rapaza nunha institución psiquiátrica.

Así arranca ‘A desaparición de Esme Lennox’, unha novela non moi longa pero si moi interesante (un estupendo libro por tanto para levar á praia ou á piscina ou para ler no voo que che leva de vacacións), de Maggie O’Farrell (unha desas autoras que conseguen facerse cos populares premios Costa de narrativa das Illas Británicas). O’Farrell levaba anos dándolle voltas á historia, dende que nos anos 90 (en pleno programa de recortes na sanidade pública británica), foron pechados varios hospitais psiquiátricos e os enfermos mandados de volta a casa.

Esa apertura de portas permitiu coñecer moitas historias que ata o momento quedaran esquecidas, como todas esas mulleres que foran mandadas a institucións mentais por ir en contra da moral da época. Unha das personaxes do libro descubrirá con espanto como nos anos 30 calquera home podía internar á súa muller nun psiquiátrico: só precisaba que un médico asinase un papel e a pobre muller quedaría por sempre enterrada nunha institución mental. “Cando empezas a profundar un pouco máis”, explica a autora na súa web, “nas notas e nos informes médicos, o que atopas é terrorífico”.

Iris, a protagonista, terá que lanzarse a esa mesma procura de información terrorífica que tivo que facer a autora, descubrindo polo camiño a ata entón descoñecida historia da súa familia. Non pode pedir axuda a ninguén (a súa avoa, a irmá de Esme, está nunha residencia, perdida a memoria polo Alzheimer) e terá que resolver o misterio por ela mesma.

Non son moitas páxinas, pero si unha fascinante historia de secretos de familia e decisións cuestionables que se le dunha sentada.

A desaparición de Esme Lennox foi Premio de Novela Europea Casino de Santiago 2010 e está editado por Galaxia na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *