Punto G, unha nova editorial que se estrea cun mega best-seller

É unha certeza: unha conclusión alcanzada tras moitas voltas de observación da librería do aeroporto. O best-seller internacional en galego é unha rara avis. Se se quere ler un libro pasatempo, unha Marian Keyes, ou unha Kate Morton (raíñas da literatura de consumo rápido), non existe a posibilidade de facelo en galego. Si en castelán, por suposto. E ata en catalán, onde os libros pasatempo chegan ao mesmo tempo que a tradución castelá. “É certo”, concédenos Xurxo Bértola, responsable dunha editorial de recente nacemento. “En Cataluña, tradúcense e publícanse en catalán as obras máis vendidas a nivel internacional, incluso as orixinais en castelán. Claro que a vantaxe do catalán é que en Cataluña contan con dous factores positivos moi importantes. Un, que teñen un mercado lector moito máis grande (se incluímos os Países Cataláns, son máis de 11 millóns) que pode soster unhas tiraxes que comezan a ser rendibles. E o segundo, o apoio económico institucional non ten comparanza co galego”.

Aínda que a situación do mercado editorial galego non é tan optimista como a do mercado catalán – e a pesar de que os tempos de crise os libros son algúns dos perxudicados polo recorte do consumo – o panorama editor galego está asistindo ao nacemento dalgunhas novas iniciativas. E unha delas, Punto G, a editorial de Xurxo Bértola, chega cun tremendo best-seller como punto de partida, ‘O clan do oso das cavernas’ de Jean M. Auel. Por fin unha editorial galega que se adique só aos best-sellers?

“Non queremos ser unha editorial ‘especializada’, senón máis ben un proxecto cunha liña flexible, aínda que dirixida fundamentalmente a títulos respaldados polo público universal”, asegura Bértola por email. “Unha lingua viva non só produce obras de calidade, senón que verte ás súas letras obras de interese doutras culturas que se len en todo o mundo”, defende, asegurando que as traducións son unha parte “importantísima” da lingua. “Contar coas obras máis lidas universalmente na lingua propia é un recurso esencial e básico para que a xente se poida afacer a usala como lingua habitual de lectura”, explica. Punto G quere chegar a aqueles lectores que xa len en galego e tamén aos neofalantes que están por atreverse a ler en galego. Os dous primeiros capítulos poden descargarse da web da firma para testar.

Empezaron coa obra de Auel (un auténtico boom editorial, que vendeu dende que apareceu o primeiro tomo no 1980 45 millóns de exemplares en todo o mundo) por unha cuestión persoal (ao final… que é máis importante que tocar a fibra sensible do editor?) e xa que “achega unha rotundamente atemporal e universal, pois a nosa propia especie natural é un dos protagonistas principais”. Pero, ademais, Auel ten unha axencia en España moi receptiva ante o reto de lanzar a obra en galego. “A autora e a súa axencia literaria local foron enormemente receptivas e moi entusiastas desde que llelo propuxemos, algo moi de agradecer e que non percibo noutros axentes de autores de sona, que adoitan ver no galego un mercado moi insignificante economicamente”, apunta Xurxo Bértola.

Que Jean M. Auel sexa unha autora de sona non ten porque influír á hora de negociar os dereitos da súa obra. “Estou convencido de que o lugar de residencia da axencia literaria que traballa o autor ou autora inflúe bastante”, apunta Bértola. “Se a axencia está na capital do reino, as negociacións para linguas peninsulares, polo menos para o galego, sempre é unha incógnita, pois os criterios comerciais adoitan estar contaminados por preconceptos que non se declaran abertamente pero que sen dúbida tamén operan”, engade. “En calquera caso, o tema dos dereitos sempre é unha odisea da que non se pode facer unha foto fixa. Cada autor, cada axente, teñen criterios propios que non se circunscriben a unha lei económica e comercial universal e permanente”.

E ten futuro unha aventura así?

E que podemos agardar os lectores de cara ao futuro? Punto G quere sacar en galego os seis volumes da saga de Auel (o primeiro está xa á venda en librerías e tamén na web da editorial; o segundo está en proceso) pero Bértola recoñece que, aínda que non quere ser pesimista, é complicado. “En principio temos idea de poder completar os seis volumes que conforman a saga de Auel, Os Fillos da Terra, da que O clan forma parte. Pero o horizonte económico está tan escuro que vexo todo moi difícil”, recoñece. “O panorama social é devastador e os resultados de vendas son desacougantes. Intentarémolo, pero será difícil… moito”. 

Se todo sae ben, Punto G ten xa claro por onde queren ir co seu catálogo. “En canto á apertura a outros xéneros e autores, está claro que temos esa vocación e incluso temos contactos, pero de momento non podo concretar porque non hai nada pechado”, apunta Bértola. “A min gustaríame poder publicar moita da última novela negra, tanto nórdica como norteamericana, e tamén a autores e obras con moita sona na literatura máis comercial”, asegura.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará