Sen plan para esta fin de semana? Estás en crise seriéfila sen saber que empezar? Sentes que o mundo é feo e queres un pouco de optimismo? O que necesitas é unha dose extra-forte de Kimmy Schmidt. Se ela pasou 15 anos nun búnker porque pertencía a unha secta postapocalíptica e cría que o mundo xa rematara e aínda así é quen de crer que todo ten o seu lado bo, ti non terás moito máis que discutir. E aínda que a premisa de ‘Unbreakable Kimmy Schmidt’ podería provocar unha serie insoportablemente doce se caese nas mans equivocadas, caeu onde tiña que caer. En Tina Fey. Si, a creadora de ’30 rock’ ten nova serie.
Ponte na pel de Kimmy. Aos 14 anos entras nun búnker xunto con outras tres mulleres porque unha especie de mesías vos convence de que a apocalipse está a piques de chegar. Vives os seguintes 15 anos alí, convencida de que fóra xa non queda nada… ata que vos rescatan. É 2015 e tes 29 anos, case 30. O último que sabes do mundo é do ano 1999. Que facer agora? Entrar en shock? Ter medo? Non querer saír da casa? Claro que non! Queres recuperar o tempo perdido e a ser posible parecer unha persoa normal. Claro que non o eres nin un pouco.
Kimmy Schmidt decide intentalo en Nova York. Consegue rapidamente un piso compartido con Titus, un aspirante a estrela de Broadway gay e negro, e un traballo coma asistente dunha señora terriblemente rica (e triste!). A partir de aí, todo é unha adorable sucesión de momentos hilarantes nos que Kimmy non se resigna a ser rara. Con referencias moi trasnoitadas, intentando que non se lle note que estivo 15 anos nun bunker, e cun optimismo envexable, a nosa protagonista sobrevive en Nova York. Porque, xa o di o título (e a pegañenta canción da cabeceira), ela é unbreakable.
De primeiras, ese optimismo e inocencia extremas poderían facernos desconfiar e incluso odiar a Kimmy, pero as cousas son moi distintas. Ademais de que é moi sinxelo querer darlle unha aperta en cada escena na que di algo raro, resulta que esta é a actitude da xente que sae de sectas. Desde que se estreou a serie hai unha semana (toda de golpe en Netflix!), Internet está a encherse de artigos escritos por xente que tivo experiencias parecidas que di que si, que esa emoción é real. Que entra a risa parva cando probas cousas como grifos que se abren por sensor óptico, que estás totalmente perdido na cultura pop actual, que o único que queres é saír a correr e dicir que a vida é marabillosa.
Para os que non temos esa experiencia (mellor así, non?), ‘Unbreakable Kimmy Schmidt’ é igualmente atractiva. Chea de referencias ácedas ao mundo actual, de diálogos absurdos porque Kimmy di moitas cousas raras, de emoción contaxiada por ver o mundo a través dos seus ollos. E como Tina Fey ten moitos amigos, estes primeiros doce episodios están cheos de cameos moi interesantes (un par deles que encantarán aos fans de ‘Mad Men’, por exemplo!).
Queres ver unha serie fácil pero intelixente, desas que fan rir e deixan de bo humor? Kimmy é a túa nova mellor amiga.
Este argumento é moi 7 Vidas… Y LO SABES!!
Vou a comezar con ela agora mesmo!!! Boto moito en falta 30 Rock.