Inherent Vice: Droga, neóns e Neil Young

Inherent Vice

Poucos son os directores que prefiren unha filmografía curta pero de calidade a perderse en decenas e decenas de filmes dos que só tres ou catro sobresaen. “De facelo, facelo ben” parece dicirse cada vez Paul Thomas Anderson antes de decidir se fará ou non unha película. E, polo de agora, leva 7 de 7 acertos. Custa atopar na súa curta, polo de agora, filmografía unha película mala ou frouxa (aínda que facendo un esforzo, quizais ‘Punch Drunk Love’ este aí aí…) e ‘Inherent Vice’, o seu último filme, vén a confirmar que P.T.A. é o director, non só de moda, senón de futuro..

‘Inherent Vice’ é un thriller policíaco que coquetea coa comedia… e coas drogas. Se buscas respostas ás preguntas que se lles formulan a Doc Sportello, vai buscando outro filme, porque aquí só atoparás un crebacabezas digno da máis surrealista viaxe en ácido na que se cruzaran motoristas neonazis, prostitutas, droga e un policía que come un xeado como se estivera felando a alguén. Si, non estás lendo mal e, aínda así, isto é só a punta do iceberg dunha delirante obra mestra. ‘Inherent Vice’ é a escusa perfecta para meter na batedora un pouco de ‘The Dude’, algo de ‘Fear and Loathing in Las Vegas’ cunha guinda do pastel que é un sempre xenial Joaquin Phoenix.

Segunda vez que o director escolle a este actor despois de que o seu papel en ‘I’m Still Here’, o polémico mockumentary que fixo que Hollywood pensara que Phoenix voltara tolo, chamara a atención del. Desta vez, este detective pintoresco semella o papel idóneo interpretando a un ionqui que pasa o tempo entre casos abertos e porros a medio rematar. Un universo único no que soa Neil Young na radio e Vietnam aínda é algo que remove a conciencia dos máis sensatos, Doc terá que intentar resolver un caso no que os interrogantes vanse acumulando sen resolver. Con momentos nos que non se aclara se o que pasa é froito das alucinacións das drogas ou non, Doc terá que tomar nota no seu caderno cada unha das cousas que lle pasan para ordenar unha historia digna das palabras do narrador de Magnolia: “se isto pasara nunha película, non o crería”.

A Joaquin Phoenix únense Josh Brolin, Benicio del Toro, Reese Witherspoon e Owen Wilson nun filme adaptado da novela homónima de Thomas Pynchon que tan só rascou dúas candidaturas nos pasados Oscars. Si, os mesmos nos que ‘American Snipe’r optaba a mellor película.

Para os fans de Paul Thomas Anderson non fai falla engadir nada máis para que convencelos de que vexan ‘Inherent Vice’. Para os que aínda estean dubidando ou non sexan moi coñecedores da obra do director californiano só recomendarlles un filme que, ademais de conseguir arrancar bastantes sorrisos, porá a proba a súa cabeza tratando de resolver un misterio surrealista.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *