Play-Doc 2015: hai que ir!

Iris Apfel Play DocSae o sol, os graos aumentan, as mangas curtas comezan a tomar as rúas e todos pensamos o mesmo: comezou a época dos festivais! E é certo, abril é o pistoletazo de saída daqueles que fixemos os festivais unha forma de pasar a primavera-verán. Mais, antes de lanzarnos coa tenda de campaña a percorrer Galicia de punta a punta, hai unha parada obrigatoria: o Play-Doc en Tui. Entre o formato de festival de música e de cine (admitámolo, o ambiente é bastante máis animado que o habitual en festival de cines), é o recuncho de visita obrigada para aqueles que gustamos do documental nas súas formas máis atrevidas e experimentais. E, por terceiro ano consecutivo, eu non penso fallar á miña cita preferida.

Este ano, ademais, a Sección Oficial vén cargada co mellor do panorama documental: desde penetrar no interior de China dentro dun ferrocarril a achegarnos a un país como Corea do Norte, pasando tamén por un refuxio para xente sen fogar de Suíza, ou coñecendo aos mormóns de Utah; sete documentais que son máis que entretemento: son pensamento e incitación ao mesmo. Mención aparte merece Göran Hugo Olsson, director de The Black Power Mixtape 1967-1975, que en Concerning Violence realiza un exercicio antiimperialista que asemella a Le Fond De L’Air Est Rouge de Chris Marker. Durante 85 minutos a nosa conciencia europeísta sufrirá duros ataques de historia que, sen dúbida, provocan unha forte reflexión interna ao fin da cinta. Sen dúbida, un gran acerto programático do Play-Doc.

Sempre cun oco no festival, tamén haberá lugar para o cine galego. Aínda co Mestre Mateo a mellor montaxe, A Viaxe de Leslie de Marcos Nine achegaranos a sorprendente historia do actor Leslie Howard morto na costa de Cedeira por causa dun ataque nazi. Eloy Domínguez Serén presentará Jet Lag, retrato da vida de Diego Ameixeiras, dependente da quenda nocturno dunha gasolineira na fronteira entre Portugal e Galicia. Xisela Franco, Xacio Baño, Miguel Mariño, Álvaro Fernández-Pulpeiro e Hugo Moser serán outros nomes que se unirán a esta sección dedicada ao cine patrio. Como colofón, o domingo terá lugar unha mesa redonda con varios especialistas adicada á experimentación no cinema e ao acomodo destas novas obras nas pantallas tradicionais. Baixo o nome “Not For Screening Purposes”, esta mesa tratará de respostar cal é o oco que debe ou que posúe o cine máis experimental na distribución da cultura.

Esta edición estará tamén marcada pola lembranza de Albert Maysles, falecido o pasado 5 de marzo e que estivo convidado ao festival na edición do 2013. Na memoria dun dos directores máis influínte da historia do cinema, responsable de filmes como Grey Gardens ou Gimme Shelter, este ano poderase ver a estrea da súa última peza: Iris. De novo filmando a unha personaxe única, Maysles achégase a Iris Apfel co acerto que o caracteriza creando unha peza que, inevitablemente, recordaranos a triste realidade de que non fará máis filmes.

E, por se todo isto parecía pouco, queda a retrospectiva da obra e a clase mestra de Claire Simon, os filmes programados polos críticos dentro da sección Resonancias, Double Play: James Benning and Richard Linklater, o concerto de The Legendary Tigerman e, por suposto, as cañas entre película e película apurando os grolos para non quedar fóra da sala. Unha vez máis, e non me cansarei de repetilo todos os anos, hai que ir ao Play-Doc!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *