Unha ducia de Cans, mil motivos para ir

Cans 2015

Esta noite arranca o XII Festival de Cans que encherá un ano máis de cine, música e todo tipo de actividades culturais a pequena parroquia de O Porriño ata o sábado. O concurso de curtametraxes, que este ano ten 19 competidores de todos os xéneros e conta cun xurado de luxo, xa vendeu todas as entradas (o vindeiro ano avisaremos antes, prometido), mais os eventos gratuítos arredor do festival ben merecen que lles dediquemos estes días (e de paso desintoxicamos da campaña electoral).

Que imos atopar este ano en Cans? Non sei nin por onde empezar! Comecemos polos nomes grandes, que entre tanto agroglamour sempre destacan: o Torreiro das Estrelas terá dúas novas estrelas: o director José Luis Cuerda, que ofrecerá o Coloquio na Leira desta edición, e o actor Javier Gutiérrez (Premio de Honra Pedigree 2015). Ademais, Daniel Guzmán presentará “A cambio de nada” o xoves pola noite e Jorge Coira estreará o documental “Torre de Breoghán” acompañado de Luar na Lubre na tarde do venres. Pero haberá moito máis: Manuel Manquiña e Tony Lomba presentarán imaxes en exclusiva de “Rey Gitano“, a derradeira de Juanma Bajo Ulloa, e na nova sección Rebobinando (se puidese voltar atrás), comentarán “A Esmorga” o seu director Ignacio Vilar xunto a Morris e Miguel de Lira.

E se o cine vai a ser un non parar, a música non queda atrás: Sidonie, Sés, Def con Dos (Dos Tenores), Luar na Lubre, Quempallou, Poetarras, Hendrik Röver, Adrián Costa, sesións de DiscoChimpín… máis de vinte actuacións por todos os rincóns do festival. E, por suposto, os vídeoclips terán o seu propio concurso e serán protagonistas da noite do xoves: 20 clips con sabor galego co mellor do momento.

Os pequenos da casa terán o seu propio espazo o sábado con proxeccións de curtas infantís de animación, música e xogos para eles. E os maiores poderemos desfrutar dun sinfín de actividades todos estes días. Queredes saber todos os detalles del festival? Bota unha ollada ao programa na web… e vémosnos entre chimpíns e diversión!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *