Imaxina unha páxina web na que cada día unha serie de expertos recomendan as mellores aplicacións móbiles ou programas que acaban de saír ao mercado. Que logo a comunidade vota para establecer unha clasificación entre o que é cool e o que non. Imaxina que esa web é tan influínte que todo o mundo en Silicon Valley ten postos os seus ollos nela, desde CEOs de grandes compañías a inversores de capital risco de todas as firmas, ata os xornalistas tecnolóxicos dos medios máis importantes. Ben, esa web existe e chámase Product Hunt.
Es desas persoas ás que lles gusta estar á última en canto a tecnoloxía? Adoras descubrir novas ferramentas que che fagan a vida máis doada? Es un cuñado que ten que alardear do último no vindeiro xantar familiar? Se encaixas en calquera destas categorías ou simplemente es unha persoa curiosa, esta plataforma é para ti. Porque aínda que Product Hunt está principalmente orientada ao público norteamericano (ou directamente de Silicon Valley), pódense descubrir algunhas xoias a diario que pagan a pena.
Para atopar novas apps, simplemente tes que entrar na súa web principal (ou na súa app móbil) e verás o listado das máis destacadas do día (e cada día é unha lista nova!), aínda que se cres que isto é un traballo moi laborioso, podes apuntarte á newsletter diaria ou semanal, e che enviarán ao correo o listado co mellor do mellor. Pero ademais, e aquí é onde se pon máis interesante, permite á xente crear coleccións de apps sobre diversos temas. Pon unha palabra no buscador e comeza a atopar material para engancharte.
Apps fenomenais para viaxar (máis alá das típicas), apps para vivir máis a fondo o universo de Xogo de Tronos, apps para descubrir música nova, ata recompilacións de webs para que che envíen café, viño ou cervexa periodicamente á casa (creo que disto fan falta máis cousas aquí, un Amazon dos furanchos). A plataforma xa ten un par de anos, co que a cantidade de información que podes atopar aí é enorme. Pero o importante sempre vai a ser a lista diaria, a que toda empresa nova ou veterana cun novo produto soña con encabezar.
Ser top en Product Hunt tradúcese en moitas ocasións nun ascenso enorme de tráfico de usuarios e novos clientes para os servizos que aparecen alí. Cada mes, 3,5 millóns de visitas chegan a outras páxinas web a través de Product Hunt… un caramelo difícil de rexeitar. Se en lugar de ser un curioso, es un creador que aspira a que o seu produto sexa destacado aí, o camiño é algo máis complicado, xa que só unha serie de usuarios previamente autorizados teñen permiso para engadir novos items ás listas… iso si, se a app é boa, non terás problemas en chegar despois de algún que outro mensaxe.
Tes atopado algunha app ultimamente que pague moito a pena? Igual en Silicon Valley non vos escoitan, pero aquí recibimos encantados vosas recomendacións nos comentarios!