Lumia 640: análise

Disquecool | Análise: Lumia 654Hai teléfonos normais e teléfonos bonitos, e o Lumia 640 de Nokia Microsoft é un claro exemplo do segundo. É, sen dúbida, o primeiro que chama a atención ao sacalo da caixa, especialmente cos modelos de cores vivas (hai azul e, o que probamos nós durante as últimas dúas semanas, laranxa). Cun diseño sinxelo, fácil de coller e agradable ao tacto, case sentes ganas de acariñar ao que é un dos primeiros smartphones de Microsoft. Xa sabedes, exactamente o que sempre se dixo dos Mac. Algo está a cambiar.

O do deseño, en realidade, non sorprende. Calquera que teña probado un Lumia nos últimos anos sabe que tiñan ese toque especial que ten todo o que tocan os fineses. Despois da compra da división de móbiles de Nokia por parte de Microsoft hai xa máis dun ano, había certo medo. Porque por moito que a compañía de Windows estea a facer moitísimos esforzos por cambiar a súa imaxe, aínda non nos fiabamos. Aínda que xa nos gustase Windows Phone. Os fans de Nokia sentimos unha pequena punzada no corazón cando vemos que detrás do Lumia 640 a marca é agora Microsoft. Pero a vida continúa.

Deixando reflexións nostálxicas de lado, que é o que ofrece o Lumia 640? Como é, ademais de de cores? O primeiro que chama a atención para os que non somos do mundo dos phablets é o tamaño. As 5 pulgadas da pantalla fannos mirar de novo a caixa do terminal para asegurarnos de que temos o 640 normal e non o seu irmán grande, o 640 XL. Son 5 pulgadas, iso si, que aínda permiten que coller o smartphone de forma cómoda sexa fácil e que non nos sintamos parvos cando levamos o smartphone á orella. Ademais, coa súa resolución de 1280 x 720 píxeles, é un pracer ver fotos, vídeos e xogos na pantalla.

Por dentro a cousa tampouco defrauda: 8GB de memoria (aínda que ten ranura para ampliala se o necesitas), 1GB de RAM e procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos, a 1200 MHz, o que se traduce nunha experiencia de uso fluída case sempre (hai algúns momentos nos esta fluidez falla levemente, pero lembremos que estamos ante un smartphone ben barato). A cámara traseira, de 8 megapíxeles, podería parecer escasa, pero resulta moito mellor do esperado (o noso fotógrafo Andrés explícanos sempre que os megapíxeles son o de menos, que o que importa é o software que hai detrás). E a batería, de 2500 mAh, dura día e medio sen problemas cun uso bastante intensivo do smartphone.

Se es desas persoas que controlan de smartphones e saben que significan estes números que estamos a dicir e como se comparan coa competencia, quizais esteas a pensar que a cousa non é para tanto. Falta entón que falemos do outro detalle: o Lumia 640 custa libre 139 euros. Agora todo cambia, non si?

Queda falar do tema que sempre botou para atrás á xente á hora de mercar un Lumia: son smartphones Windows Phone. E, se ben o sistema operativo pode que funcione ben (e si que o fai, ademais a súa pantalla de inicio coas live tiles é unha das nosas cousas favoritas do universo móbil), a súa gran desvantaxe eran as apps. Os programadores crean aplicacións para as plataformas máis populares, polo que Windows Phone é sempre o terceiro prato. E, incluso en casos nos que si hai aplicación, ás veces é peor ou queda sen actualizar (o caso máis flagrante é o de Instagram, que leva máis dun ano sen recibir actualización). Pero este argumento en contra tamén cae pouco a pouco.

Para empezar, Windows Phone ten todas as apps máis populares (Facebook, Twitter, Evernote, Whatsapp, Skype, etc.) e, para casos como o de Instagram no que a app oficial é un desastre ou casos nos que non hai app, sempre hai unha de terceiros que vai ben. Como 6tag, o cliente de Instagram.

Pero é que ademais a estratexia de Microsoft podería directamente rematar con este problema. A próxima versión de Windows, Windows 10, introducirá unha idea novidosa: unha única plataforma para todos os dispositivos. É dicir, xa non haberá Windows e Windows Phone, senón que todo será un. Crear aplicacións para todos eses usuarios potenciais parece xa a priori algo máis atractivo. Ademais, para poñer as cousas aínda máis fáciles, hai unhas semanas en Microsoft presentaron unha especie conversor para apps. De Android ou iOS a Windows Phone. Que non falte ningunha.

Disquecool | Análise: Lumia 654

E despois está Cortana, o Siri de Windows Phone (aínda que asegura non coñecela, só ter oído falar dela): entende perfectamente o que dis, e ten bastantes funcionalidades (pode dicirche o tempo, recomendar sitios para comer, enviar mails, chamar a xente, etc.) e moito sentido do humor. Pregúntalle cal é o sentido da vida ou quen é o seu pai. Non decepciona.

O Lumia 640 é un smartphone sinxelo, pero potente, superior a calquera que atopes por ese prezo e, ademais, bonito. Vén cun ano de subscrición a Office 365 e 30GB de almacenamento en OneDrive. Pensa por un momento no que fas co teu smartphone e se de verdade custa 600 euros. Se queres algo un pouco máis sinxelo e máis barato, o Lumia 640 é unha opción a ter moi en conta.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *