Fanzines. Recoñezo que nun primeiro momento a miña cabeza asóciaos a cousas como Fotolog ou MySpace. Se cadra porque foi naqueles momentos cando moitos vivimos un pequeno boom destas obras autoeditadas e distribuídas a base de fotocopias e grampas. Seguro que máis dun dos teus coñecidos (ou ti mesmo) se aventurou a crear un, ben só ou cun grupo de amigos, sobre música, cine ou ciencia ficción ou ilustrando pesadelos, críticas acedas ou aventuras. Creo que o mundo se movía máis amodo naquela época. Agora consumimos información e diversión de xeito esaxerado e rápido a través de pantallas de teléfonos e ordenadores a todas horas, pero a quen non lle gusta parar a botar unha ollada a algo cunha portada impresionante, un nome curioso e unha temática interesante? Talvez poidamos deter de novo o tempo e trasladarnos a outros mundos grazas a cousas como os fanzines.
E é que, por sorte para todos, estas pequenas obras de arte seguen máis vivas ca nunca e nunhas semanas vaise poder comprobar nas V Xornadas de Edición Modesta que organiza o Liceo Mutante de Pontevedra, este ano baixo o nome de Gripo Gripo. Serán o venres 26 e o sábado 27 de xuño e, segundo a web do evento, a súa “intención non é outra que a de manter o nivel de anteriores convocatorias e voltar a facer do Liceo Mutante durante un par de días o sitio máis importante do planeta”. A cita está marcada en vermello no calendario do circuíto de fanzines despois do éxito das súas catro edicións anteriores (Grapa Grapa, Grapo Grapo, Grepo Grepo e Gropo Gropo), converténdose xa nunha veterana no que algúns chaman a nova era dourada do fanzine español.
A autoedición é un mundo singular e este tipo de iniciativas axudan a poñer en contacto a creadores de todo o país. E, ademais, tamén colaboran multiplicando a exposición das creacións ante un público maior. Dende a organización de Gripo Gripo, Berto Fojo recoñece que o mellor do evento é “a sensación de alivio que sentimos cando todo remata e pechamos as portas. Aí, xa liberados do estrés organizativo, comezamos a ser conscientes do valor que ten organizar con éxito un evento tan específico nesta pequena e remota vila, da forza inspiradora que teñen as xornadas e da importancia de que a xente de aquí responda sempre dun xeito tan positivo a unha proposta tan tradicionalmente minoritaria coma esta. Resumindo: decatámonos de que somos unha alternativa cultural real e, polo que se ve, moi necesaria”.
E a parte dos fanzines, as ilustracións, as láminas ou as chapas, os mellores recordos que quedan “son os de toda a xente que imos coñecendo edición tras edición. Flipamos cando miramos cara atrás e lembramos a chea de talento que fomos tendo por aquí ó longo destes anos”. Quen formará parte este ano da pequena feira chea do talento? Nuns días os proxectos seleccionados para Gripo Gripo poderán ser consultados na web do evento.
Así que xa sexas un ávido lector de fanzines ou alguén que fai anos que non se atopa con un (como me sucede a min), estás invitado a pasar polas xornadas e curiosear, compartir opinións e levarte uns cantos para casa. Aínda que como di Berto “nós non queremos animar a ninguén a consumir nada. A nosa meirande riqueza é saber que servimos de inspiración para que moita xente se anime a sacar adiante os seus propios proxectos. Tendo iso, de que valen os euros?”.
O importante é, sen dúbida, reencontrase con este mundo tan fascinante.