6 cousas que non sabes que pasan nos contos de fadas

bela bestaTodos coñecemos os contos de fadas e todos temos un favorito que cando eramos pequenos amabamos con grande entusiasmo (e sen pensar en todos os significantes máis ou menos chungos que poderían existir ligados á historia da que estamos a falar). O certo é que os contos de fadas son moito máis que o que aparecía naqueles contos troquelados da nosa infancia e as historias son moito máis complexas do que nos mostraban nas edicións que nos facían chegar (que antes de chegar ata nós tiñan pasado pola censura decimonónica do que era ou non era correcto).

Nos contos orixinais – e antes de que os irmáns Grimm, os maiores recompiladores e censores de contos de fadas, lles pasaran o seu efecto ‘todo máis rosa e todo máis puro’ (eran como un filtro de Instagram na era da recolección do folklore) – había moito máis sexo (vaia, agora nos contos de fadas non hai) e sobre todo – sobre todo!!!- moito máis crime, moito máis sangue e moitas máis relacións das que os victorianos non poderían dicir máis que que eran desnaturalizadas.

E si, pode que algún de vós xa saiba o que vos imos contar de cousas que pasan nos contos de fadas. Pero, que queredes que vos diga, o de poñer cousas que non sabes queda estupendo nos titulares.

1. A ra non se converte en príncipe. A princesa está colocada

Ben, isto non o sabemos agora porque os Grimm o censuraran. Máis ben é unha interpretación moderna da neurociencia aínda que collida dun feito que os Grimm non contan. No conto orixinal do Príncipe Ra, a princesa ten que invitar á súa cama á ra e alí dálle un bico que é o que o converte no príncipe aposto que todos sabemos (se vós e nós sabemos do do bico é porque é o toque que se lle deu nas versións rollo Disney, aínda que sen cama, e por iso chegou a nós: no conto reescrito polos Grimm a princesa lanza contra a parede á ra cando esta acaba na súa cama e é o golpe o que o converte en príncipe outra vez).

Pero que di hoxe a ciencia que podería explicar que a princesa vexa un príncipe resultón onde só hai unha animal de poza? Segundo explica en  El hombre que hablaba con los delfines y otras historias de la neurociencia José Ramón Alonso (editado por Guadalmazán), algúns sapos teñen unha substancia por riba da pel bufotenina que é exactamente igual que tomar LSD.

Rapunzel,_Let_Down_Your_Hair_-_Anne_Anderson2. Rapunsel e o príncipe pásano moi ben no alto da torre

Rapunsel está condenada pola súa malvada madrasta a vivir no alto dunha torre da que nunca poderá saír e só o seu longo cabelo trenzado funciona como escada para subir vela (a súa madrasta nada máis, obviamente). Ata que aparece un príncipe (guapo, como non, e seguro que tamén cun pelazo) trotando polo monte e ve que a fermosa Rapunsel (sen dúbida esta cun pelazo cunha forza que ningún champú podería dar) vive alí no alto.

E Rapunsel tíralle a trenza para que el poda subir a vela. Quen fan o príncipe e Rapunsel no alto da torre? Falan e, na historia que nós recibimos, namoran dun xeito platónico? No conto orixinal, Rapunsel queda embarazada despois das visitas do príncipe.

3. O da Besta e a Bela non é amor platónico

Aínda que metemos á Bela e á Besta no saco dos contos de fadas populares, non é exactamente así. A historia foi escrita (aínda que pode que sacando a inspiración das historias populares) por Gabrielle-Suzanne de Villeneuve alá polo século XVIII e para poder gañar o pan (Villeneuve casara cun home que lle queimou a dote e deixou chea de débedas). No momento estaban de moda as historias fantasiosas, como contos de fadas, e Villeneuve escribiu esta, que era un relato dentro dun relato. Agora podedes lelo sen problemas (Folio ten unha edición en francés moi barata, por dous euros, e tan digna como son habitualmente eses libros de peto franceses) e descubrir (eu o fixen con moito entusiasmo) as diferenzas entre a historia que coñecemos e a orixinal. A culpa non é só de Disney senón tamén de Madame Leprince de Beaumont, que colleu unha historia pensada para adultos e a converteu nunha para nenos anos despois.

Que diferencias hai entre a Bela e Besta orixinal e a que nos chegou agora? Moitas, pero posiblemente a máis notable (por aquelo de que aos contos de fadas lles quitaron o gore e todo o que teña que ver co sexo) é que a Besta lle pregunta a Bela todas e cada unha das noites se se quere acostar con ela. E aí está o punto que pode romper ou non o encantamento.

Cinderella_-_Anne_Anderson4. Dedas fóra para cazar ao príncipe

Debo recoñecer que Cinsenta é de todos os contos de fadas o que menos me gustaba cando era pequena e o que agora (cando atopo versións literarias modernas destas historias) o que menos me segue a convencer. Claro que sabendo certas cousas… Como por exemplo os extremos aos que chegan ás medio irmás de Cinsenta para conseguir entrar no zapato de cristal que asegura o matrimonio co Príncipe.

No conto que nós lemos agora as irmás son só feas (ben nolas debuxan así) e un pouco torponas (nós ben vemos que os pés non lles van entrar no delicado zapatiño). No conto orixinal eran máis resolutivas e estaban moito máis decididas a se converter en princesas. E se para iso había que cortar unhas dedas, unhas dedas cortaban.

5. Hai un conto sobre o San Martiño…

Ademais de cambiar cousas nos contos, os irmáns Grimm tamén eliminaron aqueles contos que eran brutalmente gore e que non había xeito de facer máis bonitos. Hai unha edición en inglés recente – que eu quero con todas as miñas forzas – editada pola Princeton University Press que recolle eses contos tal e como estaban na primeira  edición que, a pesar dos primeiros axustes que fixeron os irmáns (que xa suavizaron daquela algunhas historias) recolle as historias moito menos censuradas. E, entre esas historias, está a de Como os nenos xogaba á matanza, un conto do máis inquietante. Uns nenos xogan, como ben di o título, á matanza. Un é carniceiro e outro é porquiño de terrible destino. Que pode pasar cando xogas á matanza? Pois que todo acaba en traxedia. O neno carniceiro mata ao neno porquiño. E o neno asasino é matado pola nai enfurecida ao ver como acabou o xogo. A nai, por certo, mátase logo.

6. As nais eran malas, moi malas. Moito peor que as madrastas

E outro dos axustes que os irmáns Grimm fixeron nos contos foi facer que a mala da película fose sempre a madrasta, a pesar de que nas historias orixinais eran as nais as que facían todas esas cousas terribles que vemos nos contos. A explicación está clara. A representación da maternidade – tal como a coñecemos – é unha cousa do XIX. E os contos de fadas viñan de moito, moito máis atrás.

 

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *