Somos os primeiros en entoar o mea culpa: só encendemos a tele para ver Eurovisión, e iso este ano porque tiñamos pantalla grande. Do resto das cousas que pasan na pequena (por dicir algo, a estas alturas) pantalla, máis alá de quizais un par de programas, non sabemos moito. Polo menos do que pasa aquí. Das series americanas e británicas sabémolo todo. Pero e se nos estivesemos a perder algo moi grande? Algo como un talent show de corais galegas de todo tipo, idade e condición? Non, non marchedes. Quedade comigo.
‘Oh Happy Day’ é un programa da TVG (formato que xa se probara con éxito en Catalunya e Euskadi) que todos os martes xunta a 8 formacións (xa menos porque as van eliminando), fainas cantar e valóraas. Coñecedes o formato, pero aquí importa moito máis o contido que a forma. A directora do programa, Mónica Ares (aka Mónica Sónica, á quen quizais lembredes de ‘Galegos no mundo’ ou presentando o noso Off Culturgal o pasado ano), melómana recoñecida, asegura que ela foi a primeira sorprendida. “Non pensaba que aquí houbese tanta tradición de coros, e tanta variedade!”, conta. E é que non hai só música sacra (que, admitide, é a idea que tedes todos), senón tamén música negra, tradicional, moderna…
Como se monta algo así, un programa que nas gravacións pode levar a que 200 persoas estean no mesmo espazo físico? Mónica conta que para seleccionar os coros o primeiro foi poñerse en contacto coa Federación Galega de Coros, cuns 240 inscritos, pero que despois foron “descubrindo que fóra desa asociación hai outro mundo!”. Esto levounos a investigar pola súa conta, co que “apareceron moitas sorpresas”.
Cos participantes, que poderían gañar 12.000 euros, escollidos, falta a outra parte, a dos xuíces. Neste caso son Ramón Bermejo, director do Coro da Rá e profesor de canto, Najla Shami, cantante e profesora de canto, e Eva Perales, a “parte máis televisiva”, xa que participou en Factor X ou Operación Triunfo e é manager e produtora musical. Todo guiado polo xornalista Rodrigo Vázquez, presentador do programa.
Toda esta combinación de xente, que podería ser caótica, ao final resulta máis como unha gran familia. “Moita xente que nunca pisara un plató de televisión, ao segundo programa xa se movía como na súa propia casa”, di a directora, que tamén asegura que non lles nota os nervios aos participantes cando cantan. “Moitos confésannos que o pasan ben nas gravacións, e iso que teñen que estar moitas horas para os ensaios, etc. Se cadra aos que máis lles custa sexa á xente maior, porque para eles é un medio estraño, pero no segundo programa xa bromeaban con que sería duro botalos de aí”. E para “levar mellor as esperas”, ata levan ao programa “licores feitos por eles mesmos”.
Entendemos a vosa reticencia. Estamos a pedirvos que os martes (esta noite!) encendades a tele, poñades a TVG e vexades un Operación Triunfo de coros, pero non deixedes que os prexuízos vos boten para atrás. Por que? Mónica di que, se vos gusta a música, no programa atoparedes “desde un tema tradicional de Fuxan os Ventos, pasando por Stromae e mesmo algún grupo indie tamén ha caer”. Ademais, dicir que cantas nun coro é xa máis “un orgullo” ca un guilty pleasure… “por que non facer o mesmo cando o programa está feito con dignidade, é entretido e hai música de todos os estilos e para todo tipo de públicos? Pois iso, complexos e culpabilidades fóra!”. E se necesitades unha razón máis, pensade no ben que ides quedar entre os vosos amigos hipsters contándolles a vosa descoberta. “Eurovisión?” -diredes. “Bah, o espectáculo real está en ‘Oh Happy Day’. Non tedes nin idea.”
Fotos | Oh Happy Day