17 OUFF: cine independente en Ourense


OUFFChegou o outono. Chegou o frío. Chegou a noite. Tras o cambio de hora non podemos negar o evidente: a estación máis melancólica do ano xa está aquí.

Pero como xa dixeramos no seu momento, hai cousas que nos compensan dos avatares climatolóxicos, e a primeira delas é o bo cine. En Novembro sempre hai unha chea de estreas dignas de ser miradas e admiradas, pero ademais, neste mes terán lugar dous dos festivais de cine máis interesantes de Galicia. Cineuropa en Compostela, por suposto, pero tamén o OUFF (Ourense Film Festival) que este ano chega a súa decimosétima edición.

Non sen dificultades, porque diversos problemas económicos e xurídicos fixeron temer a supresión deste valorado festival de cine independente. Afortunadamente, e a pesares de contar con só 5 semanas de prazo, presentáronse a competición máis de 120 longametraxes de 41 países diferentes. Agora, poderemos gozar de 12 delas entre o 2 e o 11 de novembro en Ourense.

Entre eses 12 filmes atopamos unha produción española (‘Ali’, de Paco R. Baños, sobre unha moza soñadora e un tanto inxenua) tres procedentes de Oriente Medio, unha chea de filmes  europeos e un par de exemplares americanos. Unha oportunidade única para ver filmes que dificilmente chegan aos circuítos comerciais, como poden sen ‘The last friday’ (filme xordano sobre un taxista arruinado que ten que enfrontarse ao seu pasado por mor dunha operación)  ou ‘Poupata’ (que narra a gradual crise dunha familia nunha pequena cidade checa). O certo é que todos os filmes  a competición teñen moi boa pinta: podes ir botando un ollo aos tráilers!

Fóra da sección oficial poderanse ver 31 títulos (longametraxes, curtametraxes e documentais) en ciclos paralelos, como o de Panorama Galicia (con producións da terra),  o ciclo América Latina, o ciclo Europa ou o ciclo Comedia (que se introduciu o ano pasado con gran éxito, pois é de agradecer que se inclúa un xénero revitalizador e moitas veces deostado pola “alta cultura” como é o da comedia).

Entre as actividades paralelas destacarán concertos como o de Glamis et Caudor este sábado ou o dos nosos queridos Os Amigos dos Músicos o venres 9, e tamén encontros con diversos profesionais do mundo do cine.

Poder ver o programa completo na páxina web do OUFF. As películas exhibiranse a partires deste venres nos cines Cinebox do centro comercial Ponte Vella, por un prezo de 4 euros cada unha ou bonos de 5 películas por 15 euros. As entradas estarán a venda na Oficina de Turismo, a Oficina do Festival de Cine e o posto do 17OUFF no centro comercial Ponte Vella.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará