Ruby Sparks e a literatura das relacións

Ruby Sparks

‘Ruby Sparks’ ten tantas lecturas distintas, tantas capas nas que fixarse, que por momentos semella imposible escribir algo con sentido sobre ela. E entón, diante da páxina en branco e empezando a ter suores frías, sentímonos un pouco como Calvin, o seu protagonista, un escritor que tivo unha primeira novela prodixiosa hai dez anos e que desde entón non é quen de pasar da primeira liña. Deberíamos ir ao psicólogo coma el e acabar creando un personaxe do que namorar? Ergueriámonos unha mañá para atopar a ese personaxe, a Ruby Sparks, comendo cereais na nosa cociña?

Xa temos o argumento, agora pasemos ás capas, non sen antes aclarar que estamos ante unha comedia romántica indie e que iso é o que imos atopar. Non cambiará vidas, e non é tan fantástica e sorprendente como ‘Little Miss Sunshine’, dos mesmos directores. Pero a análise de ‘Ruby Sparks’ si deixa ver un guión traballado e un filme que van máis alá do vestiario da actriz principal e guionista, Zoe Kazan (neta de, si). (Un vestiario que, por outra banda, moitas quereríamos ver nos nosos armarios).

O que propón ‘Ruby Sparks’ son varias reflexións. Está a principal, a das relacións de parella e se é posible (e incluso moral) intentar cambiar ao outro. Tras aceptar que o seu personaxe, a súa muller ideal, Ruby, si é real, Calvin descubre que pode cambiala ao seu antollo con tan só redactar unhas liñas na súa máquina de escribir. Decide non facelo, ata que as cousas empezan a non ir tan ben. Entón a tentación de arranxalo todo a golpe de tecla é demasiado forte.

Despois está a outra capa na que se pode ler a película, non tanto a da moralidade de intentar cambiar ao outro como a do illamento persoal. Vai quedando claro durante todo o filme que Calvin é un ser illado e pechado en si mesmo, no que incluso a súa moza, Ruby, non é máis ca unha proxección dos seus soños e ideais. Esa incapacidade para conectar, para aceptar que o mundo de fóra está precisamente aí, fóra (e non no seu cerebro), leva a Calvin cara á soidade de xeito irremediable.

A lectura literaria é un exercicio interesante e divertido, coma sempre que o prefixo meta- aparece nalgún traballo de ficción. O personaxe que abandona o seu universo e cruza a cuarta parede para crear unha serie de situacións bastante hilarantes nas que Calvin cre que definitivamente caeu nas zoupas da tolemia. O potencial desta idea é enorme, pero queda así e todo algo desaproveitado.

E é que, pese a algún momento algo incómodo ata de ver cando as cousas se poñen feas, ‘Ruby Sparks’ é ante todo unha comedia. E, como tal, funciona á perfección provocando gargalladas no público ante liñas de guión moi acertadas (os diálogos son moi bos) e situacións bastante disparatadas. Quizais non logre cruzar para estar do lado de ‘Little Miss Sunshine’ e quizais non pase de ser unha comedia romántica indie que namorará coa súa estética a toda fan de Zooey Deschanel e cousas dese tipo que se prece, pero fai pasar un bo rato.

E despois está Antonio Banderas, que fai de marido da nai de Calvin. O mellor da película e unha sinxela razón pola que paga a pena vela.

 NOTA: Se estás farto da moda da “moza-un-pouco-rariña-e-tola-pero-tan-adorable” da que ten toda a culpa Zooey Deschanel, mantente lonxe do cine.

Shares

2 comentarios

  • Fabián di:

    Dispoñíbel en cuevana :)

  • Juan di:

    Non sei, pero apesta a xapone9s trrcnsaito foneticamente ..A ver, anote: Motel, mesedes, garagardo bat , ou sexa, camareiro, unha cervexa, por favor .. primeira leccif3n de supervivencia. Se prefire un vif1o, substitfaa garagardo por beltza se branco ou txuri se tinto .. O chourizo pf3deo pedir sinalando co dedo .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará