As curtas teñen algo especial. Non sei se o motivo reside na necesidade de concentrar a mensaxe ou no feito de que sirvan de espazo de innovación e creatividade, pero neste formato cinematográfico hai auténticas perlas. Dentro de todos os xéneros posibles hai un que me gusta especialmente: as curtas de animación. Sexa animación por ordenador ou simple ilustración, sexan producións de xigantes como Pixar ou traballos de clase, a imaxinación parece que se sinte aínda un pouco máis libre á hora de contar historias sen límites físicos. O que vos deixamos aquí son 6 curtas de animación que, nin sendo as mellores ni as máis especiais, garantirán a baixa produtividade desta tarde de venres.
Thursday – Matthias Hoegg: Unha futurista e vectorial historia de amor urbana. Unha peza delicada e sinxela que deixa un agradable sabor de boca.
Matter Fisher – David Prosser: Cunha estética orixinal e unha moi coidada animación, narra a estrana relación entre un pescador e unha especie de buraco negro. Curiosa e ata pode que un pouco inquietante.
La Luna – Enrico Casarosa: A última curta do xigante da animación Pixar. Un exercicio de animación simple e efectivo cunha moi boa historia detrás. Pixar é o que ten, que sempre nos convence.
The lady and the reaper – Javier Recio: Unha produción española nominada a un Oscar e ganadora dun Goya. Unha peza moi divertida e moi ben animada.
Wallace & Gromit, The Wrong Trousers – Nick Park: Mestres de mestres, Wallace & Gromit devolvéronlle a vida á animación en plastilina. The Wrong Trousers é unha obra mestra. Déixovos aquí solo un fragmento, pero merece a pena conseguir a peza orixinal.
The Cat Piano – Eddie White & Ari Gibson: Unha auténtica xoia! Esta peza narrada por Nick Cave é un poema visual dunha forza incomparable. Obrigatorio dedicarlle un tempo, subir o volume e poñela a pantalla completa.
Muy buen gusto..
Sólo falta “Carne de Cañón” de Otomo Katsuhiro..