Vídeos para a fin de semana: máis curtas de animación

Que plan mellor para este venres de choiva e frío que quedar na casa e ver curtas de animación? Historias pequenas, bonitas, sinxelas para pasar un bo rato. Con imaxes de todo tipo, pero sempre exquisitas. E rápidas, para que haxa variedade.

Porque xa falaramos algunha vez aquí da fascinación que producen as curtas de animación, da súa entrañabilidade. Porque claro, hai curtas de animación tráxicas, hai curtas de animación violentas, hai curtas de animación de acción. Pero as que triunfan sempre  e con calquera, as curtas de animación que gustan universalmente, son as de bos sentimentos. Como estas seis que vedes aquí (en orde aleatorio).

1. Oktopodi – Julien Bocabeille, François-Xavier Chanioux, Olivier Delabarre, Thierry Marchand, Quentin Marmier, e Emud Mokhberi

Esta fermosa historia de dous polbos, namorados e moi loitadores, comezou como un proxecto estudantil, pero rematou recibindo un nomeamento aos Oscars.

2. French Roast – Fabrice O. Joubert

Curta de debuxo sofisticado, bastante sentido do humor e moita sentenza. Tamén estivo nomeado á mellor curta de animación nos Oscars.

3. Logorama – François Alaux, Hervé de Crecy e Ludovic Houplain

Quizais esta curta se saia un pouco do concepto de entrañable, pero ver ao malo maloso Ronald McDonald caer a ningures tras unha dura persecución non ten prezo. A curta móstranos o apocalipse nun mundo dominado polas marcas e gañou un Oscar en 2010.

4. Presto – Doug Sweetland

Curta de factura Pixar onde un mago ve alterado o seu show por culpa dun fantástico coello.

5. Get out – Charlotte Boisson, Julien Fourvel, Pascal Han-Kwan, Tristan Reinarz, Fanny Roche

“Pola porta non”, iso é o que berra o paciente dunha institución psiquiátrico con pánico a esa abertura que nos permite entrar e saín dos sitios. Para entender o por que da súa fobia, tes que ver o vídeo.

6. O poeta danés – Torill Kove

Un conto sinxelo, feito de casualidades, para explicar por que somos quen somos.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *