As fiestras das casas exercen sobre nós unha atracción irresistible. Adoramos ver eses decorados, alleos, esas personaxes que xesticulan sen son, esas historias que se intúen… é imposible resistirse a inventarlles unha vida, unha profesión, un amor. Gustaríanos entrar nesas casas e descubrir como son en realidade, pero non é posible.
Esa atracción é o punto de partida da literatura e do cine, e ben o sabe François Ozon, que no seu último filme ‘Na casa’, baseado na obra teatral ‘O mozo da última fila’, de Mayorga, preséntanos esa dobre vertente do noso voyeurismo innato, a través de dúas personaxes, Germain, profesor de literatura aburrido de que os intereses dos seus alumnos se reduzan a comer pizza e ver a televisión, e Claude, adolescente inquietante e con talento que, a través dos seus relatos, reconcilia ao profesor coa ensinanza.
Esas dúas personaxes habitan, de feito, na casa dun dos compañeiros do rapaz. Claude, fascinado por esta casa, por esta familia “normal” á que despreza e ao mesmo tempo desexa, comeza a escribir sobre o que ve (ou o que imaxina, quen pode sabelo) dentro dela. O profesor, fascinado pola historia, vese envolto na narración, chegando incluso a ser o derradeiro protagonista da mesma.
Este filme de Ozon, lixeiro e denso ao mesmo tempo, expón moitas reflexións interesantes: sobre as conexións entre realidade e ficción, sobre a lexitimidade de converter á xente que coñecemos en personaxes, sobre a vacuidade da clase media alta de ínfulas intelectuais ou incluso sobre o propio sistema de ensino.
Esas reflexións as veces fanse de maneira efectiva e outras veces non. O ritmo do comezo do filme é perfecto, trepidante, e somos nós mesmos os queremos saber máis do que ocorre na casa, os que esperamos ansiosos a seguinte páxina. Pero despois embarra querendo explorar tantas posibilidades que a verosimilitude (como explica o profesor, máis importante que a verdade) pérdese, o ritmo retárdase e o xogo deixa de exercer a súa atracción.
O adolescente, guiado polo seu mestre, comeza a reescribir a historia, experimentando con diferentes rexistros, o que fai que o filme tamén experimente, axeitadamente, cos xéneros, pasando do drama a parodia, da comedia ao thriller. Non esquezamos que todo o argumento é finalmente unha narración literaria, na que é imposible saber que é produto da observación e qué é “transformado” polo autor. “Na casa” é ademais (ou sobre todo) unha película profundamente francesa, con ese gusto tan particular por despezar á clase burguesa, patética e decadente, e ao mesmo tempo querida.
En definitiva, ‘Na casa’ é unha película de pretensións, pero que un non sabe ben se cumpre co que promete. A novela que escribe Claude e que fascina ao profesor, é, finalmente, á dun adolescente. E como tal, vense chispas de lucidez, pero tamén demasiada autocompracencia.