Un ano máis a casa da cultura galega ábrenos as súas portas. Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, volve a Pontevedra os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro con máis de 140 actividades de todas as disciplinas. Música, literatura, cine, televisión, teatro, danza, circo, maxia e novas tecnoloxías xuntas e revoltas nun “menú degustación do que se coce na cultura galega actual”, tal e como afirman os seus organizadores. Como sabes, Disquecool tamén estará presente, a través da organización do Off Culturgal: 99% Creatividade, e tamén cun stand na feira (se estás desexando coñecernos, esta é a túa oportunidade!).
O acceso é gratuíto e o horario de 11 a 14.30 horas e de 16.30 a 21.30 horas. Nesta nova edición volveremos a gozar das ‘conversas de salón’, coloquios que conducirán os xornalistas Xosé Manuel Pereiro, María Solar, Alberto Ramos e Belén López e nos que participarán, entre outros, Luís Tosar, Ignacio Escolar, Agustín Fernández Paz, Manuel Lourenzo, Teresa Moure e María Reimóndez. Tamén pasarán polo Salón de Culturgal Manuel Rivas e os e as autoras dos grandes premios e lanzamentos editoriais do ano.
Os nenos volverán a ser protagonistas en moitas das actividades organizadas no marco da feira, con representacións teatrais a cargo de Elefante Elegante, Baobab Teatro, Caramuxo, Babaluva, Quinquilláns, Fantoches Baj e Os sete magníficos máis un, entre outros. Os adultos tamén terán a súa cita coas artes escénicas, con espectáculos de Inversa Teatro, Pinga Teatro, Radio Torreiro, Talía Teatro, Gaivotas Subterráneas, Funboa Escénica, Cisma Danza, Gustavo Pernas e Os Monicreques de Kukas. Non faltarán tampouco os obradoiros para aprender a construír monicreques e títeres rapeiros.
Roberto Vidal Bolaño, creador ao que está dedicado o Día das Letras Galegas no 2013, tamén terá unha presenza destacada nesta cita, coas presentacións do libro de Camilo Franco, Dez obras na vida de Vidal Bolaño, e da publicación da Obra completa do dramaturgo por parte da Asociación Roberto Vidal Bolaño.
O Garaxe acollerá presentacións, charlas e demostracións prácticas de aplicacións tecnolóxicas e dará coñecer os proxectos audiovisuais que marcarán o cinema galego nos próximos meses da man dos seus protagonistas. Os que sexades fans de Filmin, que saibades que Culturgal recomenda unha selección de cinema galego nesta plataforma de distribución online para gozar desde a casa. Neste mesmo Garaxe, o sábado 1 de decembro, as 17.00 horas tedes unha cita con Disquecool para coñecer as propostas máis novidosas e creativas en Off Culturgal: 99% Creatividade.
Ti tamén podes ser protagonista
Encántanos a proposta ideada por María Yáñez e Illa Bufarda para “escoitar a voz do público e coñecer os gustos, hábitos e preferencias das persoas que viven e consumen a cultura galega”. O Stand do Público é un pequeno set de televisión que xa percorreu algunhas rúas de Pontevedra e que volverá a estar operativo durante a celebración da feira para que ti, consumidor de cultura, achegues a túa opinión. Se prefires vender o teu proxecto persoal ou da túa asociación ou empresa, o teu sitio está no Espazo Autobombo, unha sorte de micro aberto no que dar a coñecer as túas iniciativas culturais.
Xa sabes, se pasas por Culturgal, vén a relaxarte ao noso stand (xa estamos dando pistas…) e convértete en protagonista da nosa portada no noso xa famoso photocall de Disquecool (se non puideches estar na Disquefesta, aínda conservamos algún dos atrezzos, así que estás a tempo de demostrarnos a túa ‘modernez’).