Peaky Blinders: poesía visual da man da BBC Two

peaky

Ben sabedes que amamos as series que chegan desde o Reino Unido, con canais como a BBC (e a BBC Two) ou Channel 4 como reis de todas esas ficcións que nos atan ao sofá e nos fan preguntarnos que facemos mal aquí. A grande promesa desta temporada de outono, unha das estreas máis esperadas, era ‘Peaky Blinders’, que viña xa etiquetada coma “o Boardwalk Empire británico”. Anos 20, un grupo de gángsters, e unha estética que parecía achegarse á serie da HBO. Tiñamos que vela.

A primeira impresión que dá ‘Peaky Blinders’ é a de que estás a ver unha serie desas especiais, desas que poderían dar moito que falar. Un Birmingham de xusto despois da Primeira Guerra Mundial, unha estética de néboa  e suburbio, e a fantástica banda sonora (Nick Cave e os White Stripes como preferidos e ben escollidos) fan que quedemos coa boca aberta durante un par de episodios, mentres imos coñecendo a trama e aos personaxes.

Temos aos Peaky Blinders, a banda de mafiosos sementou o terror no Birmingham de posguerra e que se distinguían por levar coitelas de afeitar nas gorras, de forma que as podían usar de arma. Na serie esta banda está liderada pola familia Shelby, e en particular polo irmán mediano, Thomas, o máis listo (e torturado) dos tres. O seu control da cidade, non obstante, vese ameazado pola chegada do Inspector Xefe Chester Campbell para investigar o roubo dunhas armas que ían destino a Libia e que caeron, por accidente, nas mans dos Peaky Blinders. Campbell é famoso pola súa labor en Irlanda cuns métodos pouco ortodoxos que ata amedrentaron á xente do IRA.

Nos seis episodios que ten a primeira temporada hai tempo para todo: para a historia de amor, para a intriga criminal, para meter a comunistas e ao IRA no xogo, e ata para facernos pensar algo e despois darlle a volta. E non é ata que pasa o impacto e a sorpresa das primeiras horas, ata que deixamos de estar cegados pola marabilla estética que é esta serie no seu conxunto (só por iso paga a pena vela), cando nos decatamos dos seus pequenos problemas de guión: meter tantas cousas en tan pouco tempo xoga na contra desta serie.

E é que se ben hai momentos realmente xeniais, tamén hai outros nos que é inevitable levantar unha cella. Xiros pouco cribles (e innecesarios), conversas que provocan a risa (e non era o seu obxectivo). E non, non estou a dicir que ‘Peaky Blinders’ sexa unha serie mala, porque non o é, nin sequera que o seu guión non sexa bo (os momentos protagonizados sobre todo pola tía Pol son moi grandes), trátase máis ben de que non está á altura. As expectativas eran demasiado altas, e os modelos a seguir, ‘Boardwalk Empire’, demasiado sublimes e difíciles de acadar. ‘Peaky Blinders’ sería a serie revelación da temporada se non fose iso precisamente o que se esperaba dela.

Debedes ver entón ‘Peaky Blinders’ ou non? Si, pero con cautela. Sabendo que o que destaca nesta serie é a forma máis que o contido, que haberá momentos sublimes nos que desexarías estar a vela no cine, que escoitarás Red Right Hand de Nick Cave cada vez que empece, e que estarás entretido durante os 50 minutos que dura cada episodio. Non pidas, iso si, un guión sublime á altura das grandes series que nos está a dar a televisión nos últimos anos. Isto non é ‘Breaking Bad’, nin ‘Os Soprano’, nin ‘A dous metros baixo terra’. Pero é un agasallo para os ollos, unha delicia estética que lles deberías deixar ver. E ver ao pai de ‘Parque Xurásico’, Sam Neill, facendo de malo (porque aquí os criminais son os bos e o inspector o antagonista) é simplemente xenial.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *