Vídeos para a fin de semana: cando nas películas empezan a cantar

Como vencer á depresión da choiva e os días grises? Buscando, coma sempre, a salvación no sofá. Ese sofá no que hai unha mantiña e que ten un libro sempre próximo, e a pantalla da tele (ou do ordenador) xusto diante. Sofá, mantiña, unha bebida quente, e a deixarse levar a outros mundos nos que todo é mellor. Outra forma de ser máis felices é elevando a voz ata a catarse e entoando unha bela canción. Como fan nas películas, pero nas que non son musicais. Eses filmes nos que de súpeto alguén canta, pero con sentido: porque soa unha canción que lle gusta, porque está nun karaoke, porque quere ligar… O cine está cheo de este tipo de momentos. Os nosos preferidos? Os seguintes (e si, faltan os clásicos, faltan Rita e Audrey, pero xa irán noutro post):

– ‘Case famosos’ (Tiny Dancer, Elton John). Ai, a famosa escena do autobús que, non se sabe ben como, logra poñernos os pelos de punta cada vez que a vemos.

– ‘Harold e Maude’ (If you want to sing out, Cat Stevens). Filme marabilloso e banda sonora marabillosa de Cat Stevens, e unha idea de fondo que nos invita a facer o que queiramos. E se o canta Ruth Gordon aos seus 75 anos (case 80 na ficción) con esa enerxía e ese sorriso… como non facerlle caso?

– ‘Ti e máis eu’ (Ragazzo solo, ragazza sola, David Bowie). O filme de Bertolucci baseado no libro de Niccolo Ammaniti está chea de grandes momentos, pero o mellor é sen dúbida este. E si, o que canta é David Bowie, que gravou Space Oddity en italiano con letra de amor.

– ‘Juno’ (Anyone else but you, The Moldy Peaches). Michael Cera e Ellen Page encargáronse de facer coñecida para o gran público esta canción, ao tocala ao final do filme. E entón pasan uns corredores.

– ‘500 Days of Summer’ (Here Comes Your Man, Pixies). Momento karaoke: Tom (Joseph Gordon-Levitt) borracho sae a cantar Here Comes Your Man. Si, Zooey tamén canta Sugar Town, pero é máis aburrida.

– ‘Blue Valentine’ (You Always Hurt the One You Love, The Mills Brothers -ou a versión que máis vos guste). Todo era tan bonito ao principio! Ryan Gosling tocaba o ukelele e cantaba mentres Michelle Williams bailaba claqué. Pódese ser máis indie?

– ‘Magnolia’ (Wise Up, Aimee Mann). Que de verdade estás deprimido polo do tempo? Sáltate este vídeo entón. Hai poucas cousas máis deprimentes (e fermosas) na historia das cancións no cine.

– ‘Forever Young’ (You are my sunshine, popular). Podes saltar ata o minuto 3 do vídeo para ver a un Elijah Wood de 11 anos declarándose a unha rapaza cunha canción.

– ‘A life less ordinary’ (Beyond the sea, Bobby Darin). Ewan McGregor e Cameron Díaz víveno tanto no seu momento karaoke que cambian de roupa e bailan sobre a barra.

PLUS. ‘Skins’ (Wild word, Cat Stevens). Non é unha película, é o final da primeira temporada de ‘Skins’. Tan brillante e fantástico (e sorprendente cando o miras por primeira vez sen saber nada) que merecía estar aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *