Masters of Sex: orgasmos finxidos, vibradores transparentes e voyeurismo científico

mastersofsex

Hai series que entran á primeira. Ves o piloto e sabes que estás ante algo grande, que é moi posible que moita xente remate falando dela nas seguintes semanas. Hai series que non chegan a entrar (aínda que o intentemos dándolle unhas semanas de proba). E despois están as que necesitan un tempo, as que despistan durante os primeiros episodios e non nos deixan formar unha opinión. Déixanse ver e moitas veces ata enganchan, pero cando che preguntan se paga a pena a túa resposta non soa moi convencida. “Está ben, si, pero sen máis”, dis. Algunhas destas series permanecen así ata que nos aburrimos e as acabamos esquecendo. Outras, afortunadamente, logran arrincar de verdade pasados uns episodios. “Agora si”, pensas. “Esta serie si é das boas”.

Pasoulle o ano pasado a ‘The Americans‘ e está a pasarlle este ano a ‘Masters of Sex’. A serie de Showtime era unha das grandes promesas de esta temporada de outono, xa que contaba cuns ingredientes que a facían moi interesantes: ademais do tema, a investigación científica sobre o sexo nos anos 50 e 60, estaba esa época que tanto nos gusta desde ‘Mad Men’, estaba unha historia real de fondo (seguimos aos investigadores William Masters e Virginia Johnson), e os actores elixidos para a tarefa, Michael Sheen e Lizzy Caplan. Os primeiros episodios, non obstante, deixan un pouco frío, un pouco a medias, un pouco coa mel nos beizos e sabendo que pode haber moito máis. Entón chegan o episodio cinco e o seis, emitido onte e sabes que as cousas por fin están a entrar en cauce. E, agora si, podemos recomendala sen medo.

‘Masters of Sex’ é finalmente máis ca eses momentos que vemos nos primeiros dous episodios, fascinantes por levarnos a un momento no que ata os científicos de máis renome, os mellores xinecólogos da súa xeración, eran absolutamente ignorantes con respecto ao acto sexual, especialmente no que se refire ao corpo feminino, o seu desexo, as súas necesidades. Que o propio director do primeiro estudio que intentou responder á pregunta de que lle pasa ao corpo durante o sexo fose totalmente alleo ao feito de que en moitas ocasións os orgasmos femininos son finxidos deixa moi claro de onde se partía. E que necesitaba a una muller para que esa investigación chegase a bo porto.

Ao principio non sabemos que pensar do doutor Masters, tan serio e estricto, tan ambicioso e tan orgulloso que non lle di á súa esposa que se non teñen fillos é máis pola calidade do seu esperma que porque ela teña algún tipo de problema (o que lle fai crer sen ningún atisbo de culpabilidade). Como collerlle cariño a un protagonista así, tan falto de humanidade? Pero Michael Sheen fai que esa contención, ese autocontrol total do doutor Masters empece a quebrarse cando pasan os capítulos e que aprendamos a querer a este antiheroe tan pouco atractivo. Porque non é Dexter, House, ou Walter White. William Masters é antiheroe de verdade, deses que de tan pouco heroes que son case quedan en anti.

As protagonistas femininas da serie son moito máis gustables: tanto Virginia, a primeiro secretaria e despois asistente de Masters, como Libbie, a súa sufrida muller, caen ben desde o minuto un. E pasa así co resto de personaxes, en realidade. Gustan tanto que fan que a serie sexa fácil, e non nos gusta que as series sexan así. Pero o único que se resiste a entrar no noso corazón, o doutor Masters, fai que ademais todo pareza sen sentido. Ata que cun ouveo desgarrador todo empeza a encaixar.

Este novo ‘Mad Men’ ten da serie de Don Draper a época e a estética, pero como case sempre, sería inxusto comparar ambas series (estamos a facelo? ups). Pero non vos preocupedes, non estamos ante un novo ‘Pan Am‘, que nunca pasou de “bah” e que ao final foi cancelada. ‘Masters of Sex’ xa foi confirmada para una segunda temporada e xa non deixa a ninguén indiferente. Xa só queda ver se ese nivel acadado nos últimos episodios pode manterse o resto da temporada ou se só foi un momento de lucidez que non volveremos a ver. Estamos dispostos a correr ese risco.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará