O pasado 18 de outubro foi o Home Movie Day: un evento anual que reivindica o valor dos nosos vídeos caseiros. Este día celébrase internacionalmente, en locais diversos que organizan unha exhibición pública deste tipo de materiais, de xeito que cada persoa pode compartir os seus vídeos, e tamén ver os dos seus veciños.
O Home Movie Day naceu en 2002 e cada ano máis xente se suma á idea. Se imos á web oficial, veremos que non hai organizadores de tal cousa en Galicia, sen embargo, o Pub Atlántico, de Santiago de Compostela, si recolle a proposta e organiza o seu propio Home Movie Day. E o que é mellor, non o fai o 18 de outubro, senón mañá, 6 de novembro, ás 22.00 horas.
Se queres participar podes pasarlles as túas películas en diversos formatos: Super8, VHS, diapositivas, DVD… e eles revísanas para a súa proxección. E se non tes ningún vídeo que compartir sempre podes pasar a ver os filmes caseiros dos demais. A actividade é de balde.
Pode que sexas un pouco escéptico sobre o valor deste Home Movie Day. Por que alguén querería ver o vídeo de cando aprendín a andar en bici? Quen ten algún interese na voda dos meus pais? Pois moita máis xente da que cres. E é que cada vídeo é tamén un documento histórico dun tempo e un lugar: antes os nenos ían en bici sen casco, e os vestidos de festa era diferentes que agora. Por só dicir dúas cousas. Por suposto, pode haber algo de curiosidade morbosa, pero vai máis alá diso.
Entre os defensores do Home Movie Day atopamos nomes tan coñecidos como o de John Waters, quen afirmou que “non hai unha mala película caseira. Estas mini-obras mestras do underground son reveladoras, terroríficas, divertidas, sempre imperfectas, cheas de arte inesperado, e claman dende os desváns e armarios do mundo para ser vistas de novo. Home Movie Day é unha orxía de autodescubertas, unha oportunidade para ver os recordos familiares convertidos en espectáculo. Se tes unha, sácaa rapidamente e ensínaa xa”, ou Martin Scorsese, quen dixo que “os filmes caseiros non só capturan momentos privados da vida da nosa familia, tamén son documentos históricos e culturais. Pensade na película de 8mm de Abraham Zapruder que rexistrou o asasinato do presidente Kennedy ou no famosa rodaxe chea de cor que Nickolas Muray fixo a Frida Kahlo e Diego Rivera coa súa cámara de 16mm”.
Se ti tamén queres compartir as túas vivencias, ou descubrir o mundo a través dos filmes dos teus veciños, só tes que achegarte ao Pub Atlántico mañá a noite. Unha fantástica idea que esperamos que creza ano a ano.