Xa está aquí o momento agardado por todos os composteláns: Cineuropa 2013! Sacade as vosas americanas e bufandas, repasade os vosos apuntes sobre os directores cool e preparádevos para loitar contra a choiva porque serán moitos os momentos de espera antes de entrar no cine os que nos esperan.
Mais, como non se trata de ir a cegas, tentarei recomendar o mellor de cada día para así aproveitar ao máximo este mes de cine. Así que, papel e bolígrafo, que comezamos coa primeira fin de semana.
Le Week End (2013, Roger Michell): Despois de arrasar por San Sebastián levantando críticas moi positivas, este filme do Reino Unido chega a Compostela. Conta como unha parella volta París, escenario da súa lúa de mel hai 30 anos, para reactivar a súa relación. Concha de Prata ao mellor actor para Jim Broadbent, esta comedia dramática é a mellor opción para inaugurar a edición deste ano.
Venres 8 ás 20:30 e domingo 10 ás 18:45 no Teatro Principal.
Jeune et Jolie (2013, François Ozon). O director de Dans la Maison e Swimming Pool conta nesta cinta de 95 minutos o espertar sexual dunha rapaza de 17 anos. Dividida en catro etapas de acordo ás estacións, a película conten altas doses de erotismo, tratado sempre desde a delicadeza.
Venres 8 ás 22:30 e sábado 9 ás 18:15 no Teatro Principal
The Act Of Killing (2012, Joshua Oppenheimer, Christine Cynn e anónimo). Había moito tempo que un documental non levantaba tanta expectación e publicidade. Producido por Werner Herzog e Errol Morris (dous dos mellores documentalistas vivos), a película reconstrúe o xenocidio indonesio mediante reescenificacións teatrais. Os actores destas serán os propios xenocidas que terán que enfrontarse ás barbaridades que perpetraron. Só apto para estómagos fortes.
Sábado 9 ás 00:15 e domingo 10 ás 22:15 no Salón Teatro.
La Herida (2013, Fernando Franco). Para todos aqueles que non a puideron ver no seu, tristemente, breve paso por salas comerciais agora teñen unha segunda oportunidade. “La Herida es una película dura” dicía a súa protagonista sobre esta película que xira arredor da espiral de sufrimento e dor que sufre Ana, unha muller de 28 anos. Ao igual que a anterior, só apta para aqueles que sexan capaces de sufrir ante a pantalla.
Sábado 9 ás 20:00 no Teatro Principal. O domingo 10 a sesión irá acompañada pola presentación do filme por parte do seu director, Fernando Franco, e un debate. Será ás 20:30 tamén no Teatro Principal.
Lembrade que os bonos e o programa sairán á venda hoxe xoves e que os prezos son os do ano pasado: 4€ para cada filme e 30€ para o bono de 10 películas.
Vémonos nas butacas!
Foto | La herida
1 comentario