Cineuropa: para ver antes do venres

camille claudel

Xa están as butacas quentes e o cheiro a celuloide impregna a rúa Nova de Compostela. A primeira fin de semana de Cineuropa deixou o listón moi alto, porén, isto aínda non fixo máis que comezar. Así que, imos alá coa programación do luns ao venres!

Tom À La Ferme (2013, Xavier Dolan): o director que o ano pasado traía Laurence Anyways, volta a Compostela coa súa cuarta película. A historia deste filme busca analizar como é vista a homosexualidade nas grandes cidades fronte ao rural. Así, aquí serán a familia do defunto mozo de Tom a que terán que asumir a descoñecida orientación sexual do seu fillo.

Xoves 14 ás 22:45 no Teatro Principal. O mércores 13 novembro ás 21:00 no Salón Teatro.

Camile Claudel 1915 (2013, Bruno Dumont): volta outra das favoritas de Cineuropa: Juliette Binoche. Nesta ocasión a actriz francesa porase na pel de Camile Claudel durante o seu asilo nunha institución mental. Este biopic estivo nomeado ao Oso de Ouro do Festival de Berlín e ven de recoller excelentes críticas.

Mércores 13 ás 19:30 no Teatro Principal. O mércores 13 ás 23:00 no Salón Teatro.

Quay D’Orsay (2013, Bertrand Tavernier): premio da crítica e mellor guión en San Sebastián, esta sátira política levaranos á realidade que se agocha tras ao ministro de Asuntos Exteriores francés. Tavernier, xa consagrado na dirección, pon todo patas arriba nunha desinhibida crítica da burocracia e á política francés.

Mércores 13 ás 21:15 e venres 15 ás 20:25 no Teatro Principal.

Much Ado About Nothing (2013, Josh Whedon): o ano pasado The Cabin In The Woods, escrita por Josh Whedon, arrasaba na maratón provocando unha risa case continua durante todo o filme. Este ano será esta reactualización do relato de Shakespeare a encargada de igualar ou (ogallá) superar ese listón tan alto.

Venres 15 ás 22:00 no Teatro Principal.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *