Mínimas de 8ºC e máximas de 13ºC é a previsión para a fin de semana compostelá. Suficiente frío como para sacar o abrigo para saír de casa pero non tanto como para non saír da cama. Cal é a solución? Ir ao cine (si, esta é a solución que temos para todo os cinéfilos enfermizos). Segunda fin de semana de Cineuropa con estreas e clásicos a prezos máis que razoables! Se xa te perdiches Le Week-End, The Act Of Killing ou Jeune et Jolie bule, por que a finde está ao chegar e as entradas voan!
Tots volem el millor per a ella (2013, Mar Coll): as peores críticas acusan a este filme da directora catalana Mar Coll de asemellarse moito ao cine de Woody Allen… e cando foi iso un problema? Premio á mellor actriz en SEMINCI, este filme conta a historia de Geni, unha muller que despois dun accidente intentará retomar a súa vida anterior apoiándose na súa familia.
Sábado 16 ás 18:15 no Teatro Principal e domingo 17 ás 20:45 no Salón Teatro.
Madrid 1987 (2011, David Trueba): Miguel, un vello articulista cunha posición respetable, e Ángela, unha estudante universitaria, quedan encerrados nun baño. O salto xeracional entre eles farán que os roces sexan inevitables entre o pouco espazo delimitado polos azulexos. Se o ano pasado sorprendíame a actuación de Maria Valverde en A Puerta Fría (así como a película), este ano penso darlle o meu voto de confianza total e absoluto.
Sábado 16 ás 20:30 no Teatro Principal.
For Those Who Can Tell No Tales (2013, Jasmila Zbanic): a guerra de Bosnia e Serbia non é tan socorrida pola cultura audiovisual como poden ser a II Guera Mundial, Iraq ou a Guerra Civil no caso do cine español. Esta película conta a situación que vive unha turista australiana ao chegar a Bosnia e observar o horror vivido na fronteira entre eses dous países. Precisamente por que son poucas as películas que falen deste tema, For Those Who Can Tell No Tales é unha aposta interesante para a fin de semana.
Domingo 17 ás 22:00 no Teatro Principal.
Ademais disto, durante a fin de semana poderase voltar a ver Quay D’Orsay (ás 22:45 o sábado 16 no Teatro Principal) e Much Ado About Nothing (ás 18:15 o domingo 17 no Teatro Principal). Recordar tamén o cambio da película Enemy (2013, Dennis Villeneuve) por Tokyo Family (2013, Yôji Yamada) ao ter problemas ao crear a copia dixital da primeira.
Vémonos detrás da cuarta parede!!