Cineuropa: aproveita, quedan dúas semanas

much Ado about Nothing

Aproveita: quédanche dúas semanas”, dicíame unha amiga sobre Cineuropa hai uns días. Dúas semanas. Como é posible que xa gastase a metade do festival e aínda siga con ganas de moitísimo máis? Probablemente porque a selección de películas é, aínda que non tan espectacular como o ano pasado, excelente. Pasar 6 horas seguidas sentado nunha butaca que, non nos enganemos, é incómoda, non é tarefa fácil se non hai un argumento de peso. Así, teño chegado a estar 9 horas seguidas pegado a unha pantalla na que, unha tras outra, as películas íanme sorprendendo máis e máis.

“Viches a última de Jonás Trueba”. “Ía ir pero ao final preferimos ir a Quai D’Orsay… que risas con esa peli!”. Diálogos sobre películas, películas e películas é o que se pode oír a todas horas na rúa Nova de Santiago, epicentro desta 27º edición de Cineuropa. Os bares a tope porque o corpo tamén ten que hidratarse. Así, entre tapas de tortilla de La Tita e filmes franceses (na maioría), os composteláns abarrotan un casco vello que arrecende cine en cada esquina.

Agardar ao frío xa non é algo novo. “Ao menos non chove”, dicía esta fin de semana un rapaz mentres facía cola coa súa moza para entrar a ver Much Ado About Nothing no Salón Teatro. E é certo, hai que agradecer á choiva darnos este descanso e permitirnos encher as salas sen os sempre incómodos paraugas. Porén, o striptease dos asistentes á entrada segue a ser unha constante: sentar na butaca, quitar a bufanda, o abrigo, o xersei… dobralo todo como mellor poidas mentres as luces da sala se apagan e entrar o calor ao ritmo do filme que comeza.

“Cine, cine, cine / más cine por favor / que todo en la vida es cine / y los sueños, / cine son” cantaba Aute hai anos e hoxe fago miñas as súas palabras. Se algo deixa claro Cineuropa é que a xente quere ir ao cine, sen importar agardar colas enormes, sen importar que a película sexa en versión orixinal subtitulada e, incluso, sen inmutarte aínda que o señor que se che sentou adiante mida case dous metros ou o que está á túa esquerda non deixe de tusir. Porque hai películas nas que, inevitablemente, éntrache o sono e, ás veces, ata durmes un anaco; ou outras nas que é imposible borrar un sorriso durante as case dúas horas de metraxe que acaba por provocarche unha dor no estómago de tanto rir.

Porque o cine é vida. E a vida, ás veces, é de cine. Historias de amor, de valor, de vinganza, etc. que se confunden coa nosa experiencia e afectan as nosas accións futuras. Quen non saíu dunha película romántica pensando “que demo! Voulle dicir á fermosa acomodadora do cine se quere tomar algo ao rematar” (aproveito para saudar á fermosa acomodadora e confesar que este pensamento é, evidentemente, autobiográfico).

24 fotogramas por segundo igual que 24 horas ten o día. Historias dispares e personaxes abraiantes, como as que todos coñecemos un día pola noite ou no bus urbano. O cine é vida proxectada por unha pantalla. Así que, parafraseando á miña amiga: aproveitade, quedan dúas semanas de Cineuropa: vivídeo!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *