The Americans, espías (rusos) dos 80

The AmericansAs series estadounidenses deixaron hai xa un tempo de poñer de heroe a quen debería ser o correcto.  Así, encumbraron a un asasino e a máis xente malvada, pola que acababas sentindo moita simpatía. En ‘The Americans’ a historia vai sobre o mundo do espionaxe nos Estados Unidos dos anos 80, nos derradeiros anos da Guerra Fría (aínda que eles non saben, por suposto, ese dato), pero os protagonistas son dous axentes infiltrados da Unión Soviética (os tradicionais malos de tantas películas). Os Jennings son o clásico matrimonio estadounidense, con dous fillos, unha casa desas con xardín diante e unha axencia de viaxes no centro de Washington. Pero os Jennings son tamén dous espías soviéticos, que chegaron ao país nos 60, cando tiñan pouco máis de 20 anos, cunha identidade falsa e coa misión de infiltrarse na sociedade estadounidense e facerse pasar por dous dos seus membros.

A historia funciona en dous niveles. Por unha banda, está toda a trama de espionaxe. Nos 80, a tensión entre uns e outros fíxose máis elevada e os Jennings teñen moito traballo. Pero, ademais, o FBI converte en prioridade principal o de rematar cos espías soviéticos dentro de Estados Unidos, así que cada vez fan un esforzo maior para atopar a todos os posibles axentes. Un deses axentes é, por certo, o novo veciño dos protagonistas. Por outra banda, está toda a parte persoal da historia. Elizabeth e Philip non se coñecían ata o momento no que se lles asignou a misión de infiltrarse entre a poboación estadounidense. Philip está cada vez máis interesado e máis cómodo co estilo de vida nos Estados Unidos, mentres Elizabeth (da única da que sabemos sobre o seu pasado grazas a algún que outro flashback) mantense firme como unha espía da URSS. E, mentres Philip semella nos primeiros capítulos terse comezado a crer a historia da familia montada para poder infiltrarse nos Estados Unidos, non está nada claro ao principio que é o que sente Elizabeth.

‘The Americans’ é realmente entretida (e é moi divertido ver o seu perfil de Facebook como os seguidores – estadounidenses – deixan mensaxes pro Unión Soviética) e xoga moi ben coa tensión dramática que xeran os dous niveles da trama. Igualmente, e sorprendentemente, pronto se esquece que aos seus protagonistas (a actriz de ‘Felicity’,, Keri Russell, e o actor de ‘Cinco irmáns’ – serie que houbo unha tempada que estaba en Divinity conectaras á hora que conectaras-, Matthew Rhys) xa os coñecías de antes.

Foto | Facebook oficial 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *