Que fin de semana nos espera! Choiva, frío, días grises e a primavera que nunca acaba de chegar (aínda non toca, seino). A pesar de que esta fin de semana está chea de plans atractivos (o Festival Alt, por exemplo) a moitos nos custará saír de casa. A pandemia de gripe non axuda.
Pero se a saúde ou as inclemencias meteorolóxicas nos obrigan a recluírnos na casa, podemos sacarlle partido. Como? Volvendo a ver eses filmes musicais, lixeiros e agradables, que nunca pasan de moda. Ben é certo que os filmes musicais contan con moitos detractores, é son vistos como relambidos, aburridos e insubstanciais. Aquí deixo 10 filmes musicais que non van facer a ninguén cambiar de idea, pero que nos recordarán a nós o que os outros se están a perder.
1. Grease
Quen non viu Grease cincocentas veces? E, polo menos eu, non canso nunca. Ten moitas cousas fantásticas: cancións que xa sabemos de memoria, amor adolescente (aínda que os actores deixaran tempo atrás de selo), sentido do humor, unha posta en escena naif e colorista, e Rizzo, que a min me encanta (porque Sandy, hai que recoñecelo, pija ou de coiro, é máis ben insulsa).
2. Cantando baixo a choiva
Probablemente o mellor filme musical da historia, ou como mínimo, o máis coñecido. Cine sobre cine, alegre e vitalista, que contaxia bo humor. E ganas de aprender claqué.
3. 7 noivas para 7 irmáns
Outro clásico do cine musical onde destacan as coreografías case acrobáticas, e o costumismo entre kitsch e naif do relato. Outro filme ideal para pórse de bo humor no peor día. Aínda que tamén ten momentos tristes, como podedes comprobar no seguinte vídeo.
4. Cabaret
As cancións son fantásticas, o que xa aporta interese ao filme. Ademais, as interpretación están á altura, e a posta en escena é coidada e pertinente. Gañou 8 oscars, que se di pronto.
5. Os miserables
Veu para demostrar que iso do musical non está acabado. Unha historia universal cantada, pero non bailada, que non fai máis que gañar intensidade coas interpretacións.
6. Bailando na escuridade
Para os que critiquen iso de que os musicais son intranscendentes e sen argumentos. Bailar na escuridade é un filme de Lars Von Trier con música de Bjork. A película coa que máis chorei na miña vida. Non recomendo se estás deprimido.
7. Hair
O musical hippie por excelencia conta con cancións moi recoñecibles, medio espírito crítico e indubidable forza.
8. A bela e a besta
Non podiamos esquecer a factoría Disney, que tantos musicais en debuxos animados nos deu (un pór ano). Entre os meus favoritos O rei león e A bela e a besta, porque Bela sempre foi a miña princesa Disney favorita (toda nena ten que ter unha, así son as cousas cando aínda non es cool).
9. The little shop of horrors
Mestura o rock coa comedia negra de serie B e a iso engade un reparto inesperado, falta de pretensións e una argumento de terror que remata por ser hilarante.
10. O outro lado da cama
Boa, boa, non é, pero sempre fai gracia atopar nun musical esas cancións que tan ben coñecemos (‘Dime que me quieres’, ‘Salta’, ‘Las chicas con guerreras’, e polo estilo). Os nosos actores cantan e bailan máis ben mal, teño que dicilo.
Rocky horror picture show?