House of cards: Netflix dá un golpe na mesa

Netflix_House_of_Cards

“Money is the McMansion that falls apart after 10 years. Power is the old stone building that stands for centuries”

Vense de estrear ‘House Of Cards’, unha serie que conta a vinganza de Francis Underwood, senador demócrata, contra o seu propio partido. Creada por Netflix, está a supor toda unha revolución no habitual esquema de produción audiovisual. Francis Underwood (interpretado por un xenial Kevin Spacey) comeza a organizar a súa particular vendetta ao saber que o presidente electo non o nomeará secretario de estado. Nese momento, o senador argalla unha serie de manobras co fin de afundir ao seu propio partido. Para isto, empregará a unha xornalista de ‘The Washington Herald’, Zoe Evans (Kate Mara), para filtrar determinadas informacións e contribuír ao derrube do seu partido.

A serie engade ao esquema habitual dun drama político, a presenza completa das novas tecnoloxías. Sempre que alguén recibe unha mensaxe no móbil, esta aparece na pantalla permitíndolle ao espectador lela. Algo semellante ao que xa se fixo na serie de ‘Sherlock’ da BBC. Outro exemplo é a presencia de videoconsolas ou ordenadores de determinadas marcas; algo que responde a unha estratexia de product placement que funciona de forma sutil e desapercibida.

Cómpre tamén resaltar unha das subtramas da serie: o enfrontamento de Zoe Evans, o aire fresco na redacción do periódico, con Hammersmith, o xefe que representa á prensa anquilosada no pasado. Este conflito é o mesmo que acontece na realidade coa prensa que non se adapta aos tempos de internet, que continúa anclada ao antigo modelo.

Nun momento da serie, Francis Underwood di “look at the big picture”, porque, efectivamente, hai un cadro xigante atrás desta serie. Netflix ven de poñer patas arriba o modelo audiovisual actual. Por dúas cousas principalmente: a forma de produción e a forma de difusión. A primeira é evidente. Ata agora ningunha plataforma de servizos de vídeo meteuse na produción dunha serie na que se inverteron millóns de dólares e que conta con dous nomes, David Fincher e Kevin Spacey, moi importantes no panorama audiovisual. O product placement continuo (pero insisto, sutil) de marcas como Apple, PS Vita, Xbox, etc axudan a que esta aventura sexa posible.

A outra parte, e quizais a máis importante, é a forma de difusión. Ao contrario do habitual, esta serie foi subida a Netflix ao completo. En lugar da clásica periodicidade semanal á que as TVs nos teñen acostumados, a plataforma decidiu apostar por unha total entrega do produto ao espectador. Duns anos para aquí, coa entrada de internet e as descargas en xogo, o modelo de consumo cambiou radicalmente. Os espectadores consumen as series dunha forma semellante aos libros: de inicio ao fin, marcando eles mesmos o ritmo de consumo e tendo sempre dispoñible o produto.

‘House Of Cards’ é unha serie excepcional cun ritmo rápido que engancha. Pero, vendo a “big picture” que di o senador Underwood, é un golpe na mesa de Netflix berrándolle ao mundo que Internet non é o futuro: Internet é o agora.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *