750 minutos da miña vida gastados diante dunha pantalla (a maioría, de forma consecutiva) son o resultado dos efectos da segunda tempada de House Of Cards en min. Arrepíntome? Nin do primeiro minuto gastado. Queda claro entón que o que vén a continuación é unha longa louvanza á que, para min, é a serie do momento. Hai case un ano falaba da estrea da primeira tempada e do modelo Netflix como o futuro, hoxe ata a conta do presidente Barack Obama faise eco da estrea dunha das series máis esperadas. Así pois, que podemos esperar desta nova tempada?
O listón estaba moi alto despois dun comezo moi forte o ano pasado. Grazas á estratexia de Netflix de estrear a serie ao completo, a maioría gastamos horas e horas sen ser capaces de despegarnos da pantalla na que un Francis Underwood dominaba “a pracer” o Congreso dos Estados Unidos. O propio actor Kevin Spacey recoñeceu en entrevistas que algún fan parouno pola rúa para dicirlle “Parabéns! Fixéchedesme estar 13 horas seguidas diante do televisor”. Bueno, pois … esta tempada non é menos. Como dicía ao inicio, eu volvín a padecer a síndrome Underwood e pasei tres días sen despegarme da pantalla. E é que o primeiro capítulo… bueno, mellor non spoileo.
Quizais, a pesar de que é o fío central, a política sexa o de menos nesta serie… bueno, quitade o quizais. O realmente interesante, o que engancha desta serie, é ese aspecto de telenovela ben traballada no que queremos saber quen se deita con quen ou quen está enfrontado con quen. Porque, sexamos francos, House Of Cards é unha telenovela, pero das moi boas. Unha telenovela mesturada con Shakespeare no que nada é o que parece e no que todo vale con tal de conseguir o que se quere. Un protagonista absolutamente maquiavélico cunha muller idéntica, rodeado por un exército de fieis axudantes dispostos a facer todo para conseguir o que buscan. Cun vilán á altura do noso protagonista que tamén dispón dos seus secuaces para facerse coa vitoria. Todo sen deixar de lado que os persoanxes son persoas moi implicadas na política a alto nivel e cuxas prácticas, ás veces, non sorprenden vendo a triste realidade que nos amosan os xornais a diario.
[Ollo: pequenos spoilers da primeira tempada nesta parágrafo] Nesta segunda tempada volveremos a saber máis do affaire entre Claire Underwood e Adam Galloway, veremos como Francis resolve a investigación que Zoe Barnes comeza sobre el, e coñeceremos máis sobre Doug Stamper, o home de confianza de Francis. Unha tempada que comeza moi forte e que non pisa o freo en ningún momento dos 13 capítulos.
Só unha cousa antes de que vos poñades a vela: asumide que ides devorar os tres primeiros capítulos, ao menos, seguidos, así que planeade isto por adiantado. Decídelle adeus á vida social, á vosa parella, pedide unha baixa no traballo, facede o que vexades conveniente porque non vos ides despegar da serie. Dígovolo por propia experiencia.
E despois, que? Agora a contar os días ata 2015. Eu, pola miña conta, xa comecei.