‘Blue Valentine’ é un filme de (des)amor indie: atmosferas en tons pálidos, protagonistas tocando ukeleles e premios en Sundance son suficientes reclamos para que calquera disquerredactora se sinta obrigada a ver un filme. Se a iso lle sumamos que en España se levaba dous anos esperando pola estrea, e que en moitas críticas se comparaba con ‘Dous na carreteira’, poderedes intuír que acudín ao cine con toda a miña ilusión. Ese foi, quizais, o meu error.
Porque ‘Blue Valentine’ non é ningún desastre, pero non deixa de ser un filme mediocre. Cansados de historias de amor onde se comen perdices, apetece ver algo un pouco máis realista. ‘Blue Valentine’ o é. As primeiras escenas sitúannos no medio dunha parella que todo parece indicar que non se soporta demasiado. Non hai un conflito determinado porque eles son o único problema. Aparece unha Cindy (Michele Williams) sen sorriso, sen arranxar, sen ganas, co xesto exasperado en canto escoita falar a Dean. Aparece un Dean (Ryan Gosling) inseguro, necesitado, tenro pero inútil, incapaz de deixar de agoniar a Cindy. O primeiro problema do filme é que enseguida calamos como é el, o entendemos incluso, pero o personaxe dela constrúese sen meco, está debuxada por enriba, e polo tanto, non resulta consistente (a pesares de que a actuación de Williams pareceume fantástica -e iso non é fácil cando a túa personaxe non está ben construída-).
A partir de ese presente de fastío viaxamos acertadamente ao pasado esplendoroso de brillo nos ollos. Coñecemos un pouco máis as personaxes, asistimos aos seus primeiros encontros, descubrimos que o que hoxe é tedio foi entusiasmo nalgún momento. Pero un entusiasmo manierista que tampouco acaba de resultar demasiado emocionante. O filme é realista, si, pero non moi verosímil. Asisto ao comezo do seu amor totalmente impertérrita, a excepción dun baile fantástico de Cindy, que me fai valorar un pouco a súa relación.
Non quero ser inxusta co filme só porque alguén o comparou con outro moito mellor: ten moitos acertos. As interpretacións son estupendas, a proposta formal (planos secuencia, cores grises…) é atractiva e permite unha distancia necesaria para non caer no melodramático, o argumento explora un fracaso cotiá e facilmente recoñecible, e sen embargo, o filme non deixa de estar baleiro. Da a sensación de que Derek Clanfrance coñece a tese: que do amor ao tedio hai un só paso, pero non sabe como desenvolvela. De aí que todo quede un pouco superficial querendo ser súper profundo.
Moi de acordo co da deficiente construción da personaxe feminina. Pero inda que só sexa por saírse do común da carteleira ou pola tenrura que desprende, xa vale a pena vela.