Por que Barrio Sésamo xoga a Homeland? (con moitos vídeos)

Sesame Street- Homelamb

Barrio Sésamo é posiblemente a máis coñecida de todas as producións da televisión pública estadounidense, PBS. Leva na cadea dende 1967 e, a pesar da súa antigüidade e de ser un programa para nenos, non cae nas ñoñerías tan habituais dos programas infantís. Así, Barrio Sésamo ensina os números cun vampiro (o Conde Draco sempre foi o meu favorito)  ou ten a un personaxe que vive no lixo. Unha das cousas que fan (e que entusiasma aos telespectadores que teñen máis de 5 anos) son as parodias de series famosas de televisión. Nos tempos de YouTube, estas versións son ademais carne de viral.

A lista de versións protagonizadas por muppets de cousas de éxito do mundo dos adultos é incriblemente ampla. Hai dende unha versión de Anatomía de Grey na que Coco é un doutor especializado no abecedario ata os covers que o Monstro das Galletas fai de I love it, de Icona Pop, ou o Call me maybe de Carly Rae Jepsen (aquí o monstro non está interesado no veciño, senón de cada prato de galletas que hai nunha oficina). Por facer, fixeron ata a versión do popular anuncio de Old Spyce. Pero Coco non cheira a home Old Spice. Cheira a monstro.

Por suposto, todas estas historias funcionan a un dobre nivel. Os nenos gozan do básico (un monstro que fai parvadas para explicar onde colocar on) e os adultos do subtexto. “Enfrontámonos ao de escribir en dous niveis dende a primeira tempada do show e iso é una ferramenta educativa que usamos para empuxar aos pais a velo cos nenos, porque sabemos que o impacto educativo é maior cando os pais están mirando tamén”, explica Carol-Lynn Parente , produtora executiva, en Variety. Os produtores de Barrio Sésamo nunca comentan previamente a parodia que van facer coas series afectadas (só o fixeron con Lei e Orde porque precisaban o característico son da serie) aínda que ás súas vítimas o resultado final habitualmente lles encanta. Homeland, por exemplo, acaba subir ao seu Facebook a súa parodia.

1. Homelamb. É a última incorporación á lista de parodias de series de televisión. Resume os puntos básicos da trama de Homeland á perfección. A ovelliña Carrie namora do lobo con pel de cordeiro Baaarody a pesar da súa natureza completamente malvada. Somos tan fans do Saul ovella como do Saul da vida real.

2. Mad Men. Todos os clichés de Mad Men están nesta parodia na que todos acaban moi enfadados: homes que dan golpes na mesa, presentacións creativas, sombreiros e Don Draper.

3. Upside Downton Abbey. A condesa viúva é igual cando é de trapo que cando é humana.

4. Birdwalk Empire. Boardwalk Empire é unha serie protagonizada por un político corrupto na decadente Atlantic City que se fai rico gracias ao tráfico de alcol nos anos da Lei Seca. Pode facer algo Barrio Sésamo con esa materia? Fixádevos no comezo… todo indica que aquí o tráfico é de crackers.

5. Law and Order: Special Letters Unit. Un episodio dunha serie de policías chea de malos malosos que poden ver os nenos? Neste capítulos especial de Lei e Orde os policías (que cumpren todos os clichés policíacos, por suposto) teñen que procurar a unha desaparecida letra M.

6. Outrageous Makeover Home Addition. Como persoa humana que se tropeza cun reality de obras en Divinity pode perder moito tempo, esta parodia debería estar adicada á xente como min. Un pobre home quere ler Guerra e Paz, pero Coco está decidido a facer un cambio radical na súa casa.

7. G. O mellor é a frase “menos mal que temos un bo presuposto”: Todas as batallas de egos e malvados de Glee aquí permiten saber para que serve o g.

8. True Mud. E na lista de cousas imposibles… a versión infantil de True Blood!!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *