As mestras da República, un documental pola memoria histórica

Asmestrasdarepublica

Un documental do que non se tiña escoitado falar moito é un dos candidatos a facerse co Goya ao mellor filme documental do 2014. Chámase ‘As mestras da República’, posiblemente non chegou a ningún dos cines que tes a 200 quilómetros da túa casa (pero para algo inventaron Filmin!) e conta unha historia da que deberiamos falar moito, moito máis, a das mulleres que traballaron como mestras durante a II República e que representaron o soño de que podería existir un país diferente. Detrás do filme está como produtora (o que resulta bastante sorprendente se o comparamos co que sucede coas candidaturas noutros premios de cine), a FETE, a división de ensinanza de UXT, á que estaban, por certo, afiliadas moitas das mestras republicanas.

Dende o punto de vista da forma, o documental non é unha gran novidade. É dicir, ‘As mestras da República’ é un documental dos de toda a vida, con testemuñas, vídeos e fotos de época e documentación histórica. Pero é que aquí o importante é realmente a historia.

Nun momento como actual, no que a educación pública está a sufrir algúns dos maiores recortes nesta xestión en tempos de crise (a redución dos tempos de becas Erasmus foi o último, pero non o primeiro), resulta especialmente interesante ver o que sucedeu nos anos 30. Coa chegada da II República, España comezou a investir de forma masiva en educación. A pesar do difícil momento histórico no que se atopaban (e que, en definitiva, non había cartos para nada, lembrade que o crack do 29 foi xusto antes), a II República gastou cartos en educación e en formación de profesorado. Moitos cartos. Ampliaron os estudos para mestres, facendo que o par de anos que se estudaba ata o momento se converteran no equivalente a unha licenciatura universitaria, e conseguiron atrapar aos bachareis mellor formados para convertelos en futuros mestres (atraían aos expedientes máis brillantes xa que os estudantes de Maxisterio tiñan traballo asegurado ao final dos estudos). Querían crear unha escola baseada nos ideais da liberdade e da igualdade, na que nenos e nenas estaban xuntos e nas que se aprendía a ser cidadáns.  E como ferramenta para conseguir este obxectivo estaban, en definitiva, os mestres e as mestras.

E sobre elas e sobre o mundo no que se formaban e traballaban é sobre o que fala este documental. As mestras republicanas abrazaban entusiasmadas o proxecto educativo da II República e  foron elas mesmas en ferramentas de difusión dun novo xeito de ser muller. Eran autónomas, libres, innovadoras e cultas e mostraban aos seus alumnos (e sobre todo alumnas) que poderían facer o que quixeran na vida. Curiosamente, e como conta un dos expertos entrevistados no documental, eran as mulleres as que acababan nos postos máis difíciles, como escolas rurais moi afastadas, e eran esas mozas (moi novas) as que tiveron que traballar moitas veces para romper coas ideas máis atrasadas (pensade que estamos nos anos 30 e que había lugares moi afastados e incomunicados nos que aínda que se vivía case como no XIX). Foron esas mociñas as que quitaron os crucifixos desas escolas e loitaron por unha ensinanza laica e de calidade. E é a súa historia a que está aínda a medio contar.

A directora, Pilar Pérez Solano, lanzou (aínda que non tiveron éxito) unha campaña de crowdfunding para facer unha segunda parte e ampliar a historia dunhas mulleres que puideron cambiar o país pero que, como tantos outros, foron silenciadas pola Guerra Civil e a represión da ditadura.  Mentres, podedes ver a primeira parte en Filmin e agardar que o interese de ser un dos candidatos aos Goya axude a que historia das mestras republicanas chegue a máis xente.

Foto | As mestras da República

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *