9 razóns para (volver a) ver Twin Peaks (GIFS!)

cofee

Foi esta semana. Empezou en forma de rumor por uns tweets algo sospeitosos entre David Lynch e Mark Frost, creadores de Twin Peaks. “Eh”, dixo alguén, “e se todo significa que a serie volve?”. Algúns sumáronse de forma entusiasta. Outros, os máis escépticos, tacharon aos primeiros de inxenuos e explicaron con suficiencia que seguro que era só unha nova maniobra de márketing para presentar un novo lanzamento da serie en DVD, con algún extra para xustificar o prezo. Desta vez, a vida premiou aos inxenuos, ilusos e soñadores. Xa non hai dúbida porque está confirmado: en 2016 haberá novos episodios de ‘Twin Peaks’.

Non imos falar moito máis de todos os detalles que se coñecen porque xa está todo por Internet (nin sequera falaremos desa teoría que di que ‘Twin Peaks’ volve grazas a ‘True Detective’, que pasou de ser unha serie perfecta a directamente facer milagres). Non sabemos se os novos episodios, chegados 25 anos despois (como a propia Laura Palmer prometera, estaba xa todo pensado??), estarán á altura. O que si sabemos é que esta é unha oportunidade perfecta para volver a ver a serie ou, se aínda es desas persoas que nunca entraran no mundo de ‘Twin Peaks’, facelo por vez primeira (que envexa). Necesitas razóns? Aquí van:

1. Dale Cooper

cooper

O axente Cooper, interpretado por Kyle MacLachlan, é o encargado de investigar o asasinato da moza Laura Palmer na pequena e perdida vila de Twin Peaks (aí tedes a sinopse nunha liña). E se cres que estamos a falar dun axente que investiga crimes normal, estás moi equivocado. Sempre de traxe, coa súa gravadora diario na que deixa mensaxes para a súa secretaria Diane, Dale Cooper sabe como desfrutar da vida. O café, a tarta de cereixa e os donuts son sagrados. O seu método é tamén pouco ortodoxo, coa súa espiritualidade e deixar que os soños decidan a investigación. E ninguén levanta o polgar para dicir que “vale” tan ben coma el!

2. A mestura do absurdo e lixeiro na escuridade máis terrorífica

ladilenho

Nestes días falouse moito dos paralelismos entre ‘True Detective’ e ‘Twin Peaks’: que se os dous empezan cunha rapaza asasinada, que se en ambos casos hai dous investigadores principais, un normal e outro raro. Que se o simbolismo, a espiritualidade e a loita entre o ben e o mal (perdón, Rust, entre a escuridade e a luz)… Pero se nunca viches ‘Twin Peaks’ non te deixes enganar: na serie de David Lynch o lixeiro, o absurdo, e a joie de vivre son tan importantes coma o medo, o terror e as cousas horrorosas que pasan na vila. A combinación é o que lle dá á serie o seu toque especial.

3. O amor!

amor

Fuxes das series policiais e de investigacións de asasinatos porque non tende a haber moito amor? Desfrutas sobre todo coas historias de romances prohibidos, ciumes e segredos? ‘Twin Peaks’ teno todo para ti. Este é un mini spoiler, pero cremos que é necesario dicilo para atraerte á serie: todas as parellas da vila de Twin Peaks teñen algunha clase de romance extraoficial. Aí queda. Agora só tes que intentar adiviñar quen está con quen antes de que apareza na pantalla.

4. Audrey

audrey

Sen dúbida o outro gran personaxe da serie: a adolescente Audrey, tan rara e fantástica, cos seus bailes e miradas, namorada do axente Cooper, que non sabe moi ben que facer. Quizais agora a ollos de xente do século XXI concienciada co políticamente correcto a historia entre estes dous nunca tería aparecido tan libre de moralina, pero menos mal que nos 90 aínda non era así. Non estaban feitos o un para o outro?

5. Invitation to Love

Un deses marabillosos detalles que David Lynch meteu na serie: ademais de seguir ‘Twin Peaks’, podes seguir ‘Invitation to Love’, a telenovela á que todos os habitantes da vila están enganchados. Telenovela de verdade, desas con malos moi malos, bos moi bos, miradas que non deixan lugar á dúbida e música que crea tensión. O mellor? Que moitas veces anticipan o que vai a pasar na serie.

6. A música

A banda sonora de ‘Twin Peaks’, creada por Angelo Badalamenti, é unha desas que cambiou cousas. Empezando por Fallling, o tema da cabeceira, que pode perseguirte se deixas que entre na túa cabeza, e pasando por momentos máis de jazz, outros máis synth-pop e moitos simplemente inquietantes. E igual que a música é importante, bailar é case clave, como ben saben Audrey e, claro, o anano bailarín.

7. Soños e ananos bailaríns

anano

Twin Peaks parece ao principio só unha vila chea de xente rara (unha señora que lle fala a un trozo de madeira, outra que abre e pecha as cortinas de forma obsesiva…), pero pronto vemos que ten ademais outra dimensión. Literalmente. As fronteiras entre a realidade e os soños e as alucinacións, son moi, moi finas. E nalgún lugar de todo isto hai un cuarto vermello cun anano que baila e fala do revés.

8. A moda

moda

118 xerséis e chaquetas de la. Os personaxes de ‘Twin Peaks’ visten dacordo co lugar no que viven, escuro e frío, con moita la, moita pana e moita camisa de cuadros. Unha especie de precursores do grunge, coa diferencia de que as súas chaquetas non teñen buratos. E si, 118. Hai galerías por Internet nas que podes ver todos e cada un dos xerséis e chaquetas de la que levan os personaxes.

9. É David Lynch!

lynch

E é, pese aos altibaixos da serie, o David Lynch bo e entrañable, ese ao que imaxinamos rindo entre dentes coma un neno ao pensar determinadas escenas e detalles. E el interpreta a un dos personaxes!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *