Curtocircuíto: “unha sesión de curtas dunha hora e cuarto é como montar nunha montaña rusa”

Noite Curta_Tamara de la Fuente

Outono é sinónimo de cine en Compostela. É nestas datas, xa finalizada a época de festivais de música, cando as rúas do casco vello acollen as súas citas anuais coa sétima arte. Curtocircuíto é unha delas. Consagrado, despois de dez edicións, este ano o festival de curtametraxes acolle a décimo primeira edición en Outubro. Mais as actividades xa tiveron comezo este verán coa programación das Noites Curtas en Pratarías, actividade que hoxe se despide ás 22,30 co último pase de curtas. Falamos con Pela del Álamo, director do festival, sobre estas proxeccións e sobre a vindeira edición

Xunto con Cineuropa, Curtocircuíto é a cita ineludible para todos os amantes do cine de Santiago de Compostela. Xa hai data para esta 11ª edición?

Si. Curtocircuíto terá lugar do 6 ó 11 de outubro. Nesta nova etapa volvemos ás datas orixinais dos seis primeiros anos: outubro. Cremos que é un boísimo momento para ofrecerlle cultura á cidade. Moita xente (principalmente os estudantes) volven a Compostela despois do verán con moitas ganas de facer cousas, e nós podemos ofrecerllas. Cineuropa é unha bendición que dura un mes, un mes de cinema de calidade. Que Losa siga á fronte desa mostra despois de 28 edicións é algo de moito valor para esta cidade. A idea é que Curtocircuíto e Cineuropa podamos complementarnos e seguir medrando da man. E non esquezamos, en outono tamén está o Festival Amal, ofrecendo unha excelente selección de cinema árabe. Eu agardo que a xente de Compostela e de Galicia saiba o que ten porque desgraciadamente, ás veces, esta oferta cultural valórase cando desaparece.

– Aínda que Curtocircuíto volva co outono, non sodes un festival que pare quieto. Este verán programachedes na praza das Praterías un ciclo de curtas baixo o nome Noite Curta. Como foi a resposta do público?

A verdade é que Noite Curta, sendo un ciclo de verán realizado dende o festival pero fóra deste, conta cunha resposta tremenda por parte do público. Este verán estamos tendo unhas 200 persoas de media. É marabilloso poder montar un cinema de verán e ver que a xente responde tan ben. É un bonito uso do espazo público, a xente reunida na praza para ver historias, para compartir emocións. Temos un público fixo e logo hai quen pasea pola rúa sen plan, séntanse a curiosear e quedan toda a sesión vendo unha curta tras outra. Tamén hai quen pasa por alí, mira unha e logo marchan. É dinámico, son proxeccións “vivas”.

– Deixades atrás o voso dez aniversario e embarcádesvos na décimoprimeira edición. Os anos de experiencia son unha garantía á hora de organizar Curtocircuíto ou son máis as dificultades que as vantaxes de ser un festival con fama?

Hoxe en día, visto o panorama, calquera evento cultural está na corda frouxa. Ninguén ten nada asegurado, e digo isto sabendo que Curtocircuíto é un festival organizado e financiado dende as institucións, pero precisamente iso é un arma de dobre fío. Os anos de percorrido son unha experiencia fundamental, o festival conta cun nome e cunha traxectoria que o avala, ese aprendizaxe está aí, pero torres máis altas caeron. Quero dicir, Curtocircuíto ten a obriga e o reto de ofrecer contidos de calidade e ao tempo ser quen de conectar co público, co público máis amplo. Sen público non somos nada. Para min, que teño unha idea de cidade moi clara, dirixir un festival como Curtocircuíto é unha grande responsabilidade.

– Nacestes á vez que o PlayDoc, outro festival marcado nas axendas cinéfilas, hai dez anos. Como son as diferencias entre aquel momento e este?

Play Doc, ademais de ser bos amigos, son un exemplo a seguir en moitos aspectos. Eu vivín ese festival dende antes de que existira. Recordo a Sara, a súa co-directora, hai case 12 anos, pedindo sinaturas para que o Concello de Tui apoiara a creación dun festival que naquel momento suporía un oasis. En Galicia estaban a Mostra de Cinema de Autor de Lugo, o Festival de Ourense e algún outro, pero salvo o imprescindible Cineuropa, non había un festival que apostase polo diferente, polo risco, polo cine máis autoral, e por suposto, polo cinema documental máis vangardista.

Digo isto porque apostar polas curtametraxes era máis doado nese momento. Pero eles foron a por todas, e xa ves, dez anos despois foron seleccionados coma un dos dez mellores festivais de cinema no «Best Film Series» de Nova York. Souberon dimensionar ben o seu festival, pequeno pero intenso, pequeno pero de calidade, feito con moito amor. Ese é o modelo que eu quero practicar en Curtocircuíto. Un festival compacto pero que pola calidade das películas, das actividades e dos invitados xere un eco internacional. É posible, Curtocircuíto e Compostela teñen moito potencial. Pero para iso o meu equipo e máis eu precisamos continuidade, este é un proxecto a medio-longo prazo e esa confianza temos que gañala ano a ano. Ser director dun festival de cinema é un pouco como ser adestrador dun equipo de fútbol, só que aquí non se manexan tantos cartos…

– Pensastes en optar pola converxencia das redes como o Atlantida Film Fest ou Márgenes á hora de achegarvos a máis público ou queredes ser un festival máis clásico nese aspecto?

Internet non é o futuro, é o presente. Non hai dúbida. Márgenes e o caso que mellor coñezo porque son colaboradores nosos. Eles son pioneiros en moitas cousas e sempre temos un ollo posto no que fan, pero o de ser clásicos ou non, non vai en se o festival é online ou presencial, vai nos contidos que ofreces. Un festival online fai que chegues, só potencialmente, a máis xente, pero perde algo esencial nun festival que é ser punto de encontro entre creadores e público. O cinema xera sensacións e o feito de compartilas é esencial. A experiencia e moi diferente. Ademais, con todos os respectos a outros modelos, os festivais online non fan cidade e para min este é un compoñente moi estimulante do meu traballo como director de Curtocircuíto.

Con todo, non quero deixar de recordar que dende o ano pasado, nós emitimos en streaming case todos os obradoiros, conferencias ou seminarios que facemos. E ademais empregamos as redes sociais como ferramenta esencial para divulgar a nosa labor, subimos vídeos con entrevistas dos nosos convidados e textos críticos arredor dos artistas que participan do festival. Internet é esencial.

– En exclusiva, pódesnos adiantar algo do novo que vai traer Curtocircuíto este 2014?

Non podo dar nomes pero si anticipo unha reestruturación grande das categorías do festival, na que destacarán a sección oficial composta por RADAR e EXPLORA. A primeira porá foco nas principais tendencias do cinema actual e a segunda, que é a “mimada” de Curtocicuíto, está centrada na procura de novas caligrafías fílmicas. Pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas á videoarte, o documental ou o cinema de vangarda. E haberá unha retrospectiva a un autor internacional importante. Pero xa non podo adiantar máis. A mediados de setembro soltaremos todo, que hai moito máis!



- Para rematar, que lles dirías a todos os indecisos que non saben moi ben se isto dun festival de curtas é tan cool como un de longametraxes para que se acheguen en outubro ao Curtocircuíto?

Pois lles diría que, máis aló da duración das pelis, ante todo isto é un festival de cinema, un festival moi divertido no que coñecer xente e descubrir novos mundos. Un festival no que ademais hai concertos e actividades superinteresantes, sexan cineastas ou non. Diríalles que ver unha sesión de curtas dunha hora e cuarto é como montar nunha montaña rusa: un montón de sensacións comprimidas en pouco tempo. Se non lles gusta unha, gustaralles a seguinte. Se algo o diferencia dun festival de longas é precisamente a grandísima variedade que atoparán: 60 películas en competición e unhas 50 nas seccións paralelas. E sobre todo, quero recordarlles, que son eles quen fan o festival, sen o público Curtocircuíto non vai a ningures.

Foto Tamara de la Fuente 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará