Cool ou non? Quentin Dupieux

peli

“Cool ou non?” pretende ser unha sección mensual na que analizar diferentes directores de cine. Descoñecidos, con carreiras estrañas ou simplemente ‘raros’, en Cool ou non trataremos de descifrar se merece a pena, ou non, ver as películas de ditos realizadores. Estes artigos non pretenden ser académicos nin serios, son a opinión subxectiva do que os asina e, por iso, van acompañados ao final das películas vistas do director analizado.

Coñecido no mundo da música electrónica como Mr. Oizo, este francés fíxose famoso co seu personaxe Flat Eric e as campañas de anuncios de Levis que permanecen na nosa memoria. A pesar de que continúa a súa traxectoria na música, levando como equipaxe éxitos como Cut Dick ou Flat Beat, Quentin Dupieux sempre quixo facer películas. Nas súas campañas xa se deixaba entrever o que sería un dos directores máis orixinais da actualidade, así Flat Eric foi a súa musa ata que, no 2001, filmaba a súa primeira película: Nonfilm.

Rodada cos cartos gañados como músico, a súa ópera prima é unha homenaxe ao non sense que resulta insoportable e estraña, como o describe o propio director na súa canle de Vimeo onde se atopa o filme. Corenta minutos carentes de trama ou fío argumental que fai que a película se bambolea dun lado a outro sen dirixirse a ningures e acabando cun dos personaxes berrando no medio do deserto “Hai alguén aí? Hai película?”

Buñuel influiu incluso á faceta de músico de Quentin DupieuxParón de varios anos na carreira do director ata a estrea da que, agora si, sería a que debería ser considerada a súa primeira película: Steak. Centrada en dous amigos que se ven separados ao ingresar un deles no cárcere por un crime que cometeu o outro, a película é unha delicia inesperada. Con chistes que traspasan, por moito, o politicamente incorrecto, o filme consegue enganchar cunha historia que, se esmiuzamos ata quedarnos co esqueleto, podería ser o clásico clixé de cine hollywoodiense.

Nótase, aquí, a influencia do surrealismo de Buñuel, por exemplo o secuestro da nena recorda a Le Fantôme De La Liberté, que acompañara ao director en todas as súas posteriores obras: Rubber (un thriller centrado nun neumático – si, un neumático – que asasina xente), Wrong (a historia dun home que busca ao seu can perdido) e Wrong Cops (un anaco da vida do perturbado e enfermo corpo de Policía de Los Angeles).

Veredicto: Quentin Dupieux é unha sorpresa. Difícil de comprender ao inicio pode parece unha merda intragable. Porén, unha vez abandonada a lóxica e os intentos de buscarlle sentido ao que acontece nas súas películas, pódese comezar a gozar dun cine que non atoparemos en ningún outro sitio. Acompañan ás súas películas personaxes perturbados ou que non se rixen pola lóxica que, xunto con situacións que sobrepasan o absurdo, fan o cine deste director algo tremendamente atractivo. Dupieux é un autor no máis puro sentido do termo. Inesquecible e orixinal as súas escenas permaneceran na retina dos nosos ollos queiramos ou non. Quentin Dupieux é cool.

Películas vistas para escribir este artigo: Nonfilm, Steak, Rubber, Wrong e Wrong Cops.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará