Pan Am, máis culebrón vintage que refinado Mad Men

Era unha das grandes esperanzas da tempada, o recambio de Mad Men, no altar do mundo retro. Pan Am tamén ía abordar os primeiros anos 60, pero no canto de facelo nunha axencia de publicidade os protagonistas pasarían a ser… a tripulación dun avión da aeroliña máis estilosa do momento: a Panamerican, Pan Am.

E en que quedou no seu primeiro capítulo esta serie tan prometedora? O público respondeu con entusiasmo. A serie tivo nos Estados Unidos 11 millóns de espectadores, unha cifra que a pon a xogar na mesma liña que por exemplo Mulleres Desesperadas e que afunde a outra estrea vintage do día, The Playboy Club. Pero… a crítica non tanto. E ten razón.

O bo de Mad Men é que ten uns diálogos coidadísimos, non só unha espectacular posta en escena. Pan Am é preciosista, cunhas cores saturadas moi sixties e moi atractivas que lle dan un acabado moi de película, pero os seus diálogos non poden facer nada contra a aposta Mad Men. Unha das tramas principais de Pan Am podería ter moito potencial. (Ollo, spoiler) Unha das azafatas é recrutada como espía pola CIA. Segundo as azafatas reais da época, que houbese nas súas filas espías da axencia de intelixencia non era nada raro. Estaban na Guerra Fría, eran anos tensos e elas tiñan estupendas tapadeiras para percorrer o mundo sen chamar a atención. Era real, por tanto, pero na serie chirría que a rapaciña se converta de pronto nunha axente secreta.

A serie, como todas, xoga con algún tópico, pero os resultados non son todo o bos que deberían ser. A típica personaxe adúltera é unha presenza en todas as series de televisión, case, pero no caso de Pan Am queda demasiado como o que todos agardaban que fose pasar.

Descartamos para sempre a Pan Am? Non, claro que non. Pan Am é un culebrón vintage, un Anatomía de Grey ou calquera outra serie sobre profesionais nos que todos se acaban liando con todos e vivindo historias pouco cribles, pero cun acabado digno de inspirar un shooting dalgunha revista de moda. A serie tamén ten cousas moi interesantes, como a de recuperar como vivían e traballaban as mulleres nas liñas aéreas da época, cando non podían casar, non podían pesar máis de X quilos ou non podían non poñerse unha faixa por debaixo do uniforme.

Fotos | ABC

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *