‘Life is a paripé’ leva xa ano e medio representándose polos teatros de Galicia, pero como máis vale tarde que nunca, aquí vos deixo a miña recomendación para que vaiades vela mentres poidades.
Por que? Porque pasaredes un (moi) bo rato. Porque riredes ao decatarvos do parvo que é un as veces, do parvos que son os demais e en xeral, de todo o paripé imperante no mundo para ocultar o que somos. En palabras do director e guionista, José Prieto: “Dalgunha maneira é rirnos de nós mesmos, como especie, de recoñecernos e vernos desde o punto de vista absurdo da nosa existencia“.
Para facer ese traballo de dramatización cómica do cotiá, a obra estrutúrase en 11 sketchs onde podemos ver dende un Hamlet con novas dúbidas ata uns revolucionarios de pacotilla, pasando polos sempre efectivos paradoxos romántico-sardónicos. Os 11 números ademais, teñen un importante compoñente musical, xa que a maioría das situacións se nos presentan cantadas ou musicadas, a través de revisitacións a hits por todos coñecidos, o que aporta se cabe maior frescura e maior sensación de “parodia”.
Os tres actores da obra: Cesar Goldi, Iolanda Muiños e Mos, algúns xa moi vellos coñecidos, destacan por levar a cabo unha actuación ao mesmo tempo natural e hilarante. Así lles perdoamos que nos fagan sentir un pouquiño ridículos e un pouquiño patéticos, porque ao fin e ao cabo, eles tamén son espectadores.
‘Life is a paripé’ é unha obra da compañía compostelana Obras públicas, da que poderás gozar as próximas semanas en lugares como Pontevedra, Oleiros, Coruña, Gondomar ou Muros. A acollida da obra está a ser extremadamente boa, segundo José Prieto, superando incluso as súas expectativas. “Cando o que fas ten a resposta que está a ter, a misión está cumprida”.
Life is a Paripé from www.enimaxes.com on Vimeo.
Foto | Obras públicas
1 comentario