Ao máis puro estilo da época dourada do ‘Star System’ de Hollywood presentouse o Festival Galego de Cabaré, que se celebrará do 20 ao 29 de outubro nas rúas, teatros e bares da Coruña, e que nesta sexta edición ofrecerá 13 espectáculos repartidos en tres bloques temáticos.
O Fórum Metropolitano da cidade engalanouse para a ocasión cunha alfombra vermella pola que desfilaron as estrelas desta cita chea de glamur: as actrices da compañía anfitriona, Femme Fatale, o Director do Festival, Nelson Quinteiro, a Directora do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas, e o Director do Teatro Rosalía de Castro, Xosé Paulo Rodríguez. Longos colares, boas de plumas, flashes, elegantes copas e sorrisos nunha presentación aderezada coa música en director da banda Micky Nervio and The Bluesmakers.
Este ano o festival quixo darlle un peso especial aos espectáculos de rúa na súa programación, con actuacións como as de ‘Peter Punk e o Neno Imperdible’, a cargo dos galegos Peter Punk; ‘Cabaret Capicúa’, das catalanas Capicúa; o premiado ‘Rojo’, de La Industrial Teatrera, tamén de Cataluña; e o ‘Cabarédeambulante’ das Femme Fatale.
Na sección oficial a edición deste ano apostou por propostas próximas e divertidas como as de ‘Frigo’, de Mundo Villalustre ou ‘Life is a Paripé’, de Obras Públicas (da que xa che falamos en Disquecool), que se celebrarán no Fórum Metropolitano. O Teatro Rosalía acollerá o gran colofón final, a estrea do espectáculo ‘As Nenas Perdidas’ da compañía Femme Fatale, que crearán un espectáculo de variedades en torno ao mito de Endexamais.
Todo isto compleméntase cunha sección Off con varias actividades paralelas, como por exemplo unha noite de flocos de millo e cinefórum da man “dunha das persoas que máis sabe de cinema da serie B á Z, Herr Folleteën”.
Para celebrar a chegada á cidade deste evento, “único en toda a península” para os seus promotores, mañá mércores a organización do Festival e a Compañía Femme Fatale convidan a todos os coruñeses e coruñesas a participar nun Flash Top baixo o título ‘Un Festival sobre rodas’, unha marcha ciclofestiva cun único requisito para participar: ter unha bici e ir caracterizado coma se se tratase de principios do século XX, “a época da universalización deste medio de transporte sostible, barato, ecolóxico e saudable, e tamén a época dourada do cabaré como xénero”. A saída será ás 19.00 horas desde a parada de bicis municipal do Campo de Marte. Prometen banda sonora e caramelos para a travesía!
Fotos | Festival Galego de Cabaré