‘Gran Hotel’ é a nova aposta para liderar o mercado de ficción española neste outono. Está ambientada nun hotel de luxo no 1905 na localidade de Cantaloa (nunhas imaxes vese que está nun val no medio das montañas, aínda que o hotel está o carón do mar…) e nel viven os donos ricos e poderosos, os seus hóspedes aínda máis ricos e os criados de uniformes impecables e cuartos upstairs.
Unha historia que non hai que fiar moi fino para saber de onde saca a súa inspiración. O éxito de ‘Downton Abbey’, mundial, arrollador, fixo que todas as televisións se decidisen a lanzar algún produto digno do mundo de ‘Arriba e Abaixo’ que con tanto éxito recuperara a serie británica. ‘Gran Hotel’ bebe directamente desas fontes. Algúns planos recordan tanto a ‘Downton’ (a chegada dese novo criado vista polas costas, co hotel recortándose no horizonte…) que os fans da británica non podemos máis que sorrir. Outros (ese galán que se recorta contra un horizonte marítimo cun faro) son un pouco ‘La Señora’, un culebrón vintage que é anterior a Downton e que tivo un éxito – polo menos en España – bastante importante.
A verdade é que a primeira vista ‘Gran Hotel’ é, antes de visionar nin un só capítulo, un produto a evitar. Xa todos coñecemos os males da televisión made in Spain: mentres os británicos coidan ata a extenuación todo o atrezzo e os detalles para ser o máis realistas posibles, en España fanse horrores como ‘El secreto de Puente Viejo’ ou ‘Bandolera’, sen o mínimo verismo histórico e cun vestiario que ben podería ser mercado nos saldos dalgunha tenda de disfraces. Certo é que algunhas series coidaron o vestiario, como fixo ‘La Señora’ (bastante ben ambientada) ou a galega – e non moi exitosa – ‘As leis de Celavella’, pero o habitual é dar xa por sentado que os espectadores imos aceptar calquera tipo de roupa que pareza antiga e calquer tipo de historia e ambientación que pareza do pasado (por que falan en ‘El secreto de Puente Viejo’ coma se fosen personaxes de Calderón de la Barca?).
O primeiro que hai que agradecer a ‘Gran Hotel’ é que non caese nese erro. O vestiario está coidado e os escenarios están cheos de detalles que fan verosímil a historia e a data na que se sitúa. Os exteriores pertencen ao Palacio da Magdalena, de Santander, un edificio da época bastante espectacular en pantalla. Os interiores tamén son realistas: a escaleira de criados, as habitacións (de arriba e de abaixo…), as comidas que serven os camareiros (aínda que… realmente se tomaba tanto té na España de 1905?) ou os pequenos detalles (os criados herdan a roupa) están bastante ben traídos.
Antena 3 deuse xa conta de que os espectadores españois están xa acostumados a produtos de calidade e deixou a súa serie cun acabado máis que aceptable. Outra cousa son os actores e o guión. Se algo nos dimos xa conta tamén os espectadores, acostumados como empezamos a estar a buscar a serie antes de que a traian e por tanto a velas en versión orixinal, é que os bonitos escenarios levan boas actuacións incorporadas. ‘Mad Men’ non sería tan interesante, por moito que os seus responsables coiden ata a tolemia os detalles históricos, sen esas incribles actuacións que fan que con un par de miradas sucedan moitas máis cousas en cinco minutos das que poderiamos esperar. Ata os seus actores nenos son brillantes, como a filla do protagonista, Sally Draper.
As series españolas abusan tanto do actor que podería acabar de saír dunha función de escola que perden a metade do percorrido.
Entendo as razóns polas que Antena 3 escolleu a Yon González, ídolo de adolescentes, para protagonizar a serie, pero semella un suicidio darlle o papel protagonista. É bastante malo: declama e é bastante plano. Pódese pasar todo un capítulo dunha serie co mesmo careto? Pódese: el acaba de facelo. E o peor é que a súa personaxe é clave: el é o irmán da doncela desaparecida, Julio Espinosa, que chega na procura da súa irmá.
Amaia Salamanca (Alicia, a filla da propietaria do hotel) mellorou bastante dende Felipe e Letizia, así que non a queimaremos nesta pira. Xa está para iso Adriana Ozores (a propietaria), que é bastante acartonada.
Os secundarios fano moito mellor que os seus protagonistas. Concha Velasco (aínda que teña que loitar co mesmo vestido e o mesmo peiteado que o da ama de chaves de ‘Downton Abbey’… cando ela ten o mesmo papel) fáise con practicamente todas as escenas nas que participa e o seu fillo na ficción, Andrés (Llorenc González, un actor da tele catalá, e un dos camareiros, como Julio Espinosa) é bastante mellor que o seu compañeiro de cuarto, o insípido protagonista. Ata o malo, Diego (Pedro Alonso), un malo malísimo prototípico, salva bastante ben o ter un personaxe tan predicible.
O guión tamén podería ser mellorable, aínda que polo menos non é risible como o dos seriais históricos que a mesma Antena 3 programa nas tardes. Ningunha personaxe ten mellores frases que outras, aínda que algunhas historias si pecan de pouco realistas. Por exemplo, (e só vin os dous primeiros capítulos, así que non destriparei moito) que o protagonista, Julio, se faga pasar por un dos cabaleiros da alta sociedade no menos do que canta un galo. Podería Julio Espinosa, clase baixa do 1905, saber como cear nun comedor de luxo con todas as normas de urbanidade cando só leva sendo camareiro uns días e por tanto tampouco tivo tanto tempo como para observar e aprender?
Pero se se logran perdoar estes error e se non se toman certas series como baremo, ‘Gran hotel’ pode ser un guilty pleasure bastante digno do que botar man nunha tarde de domingo. A trama, máis alá da obvia de tensión entre a rica señorita e o camareiro resultón, ten toques de misterio: que foi da doncela perdida? Matárona? E se é así, por que?
Fotos | Antena 3